O ciclo de conferencias Saúde mental en Galicia adica a súa primeira xornada ás redes sociais

venres, 13 de xuño do 2025 S. P.

Será o vindeiro luns, 16 de xuño, cando teña lugar a segunda edición do ciclo de conferencias Saúde mental en Galicia, adicada na súa primeira xornada á temática das redes sociais, mocidade e saúde mental, este ciclo está organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas co apoio da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental. Indo á xornada, terá lugar no Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney de Santiago (rúa de Alfredo Brañas, 5), ás 19:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo.
Máis polo miúdo, neste segundo ciclo (que se desenvolverá ao longo de 2025) abordaranse, da man de expertos en diferentes eidos da medicina, a psicoloxía e outras ciencias sociais, a problemática e incidencia das enfermidades mentais na poboación desde o punto de vista doméstico, profesional e institucional.
A finalidade desta primeira xornada é sensibilizar sobre o uso responsable e crítico das redes sociais e achegar estratexias para que mozos e mozas aproveiten as vantaxes das novas tecnoloxías de maneira equilibrada e saudable, fomentando un desenvolvemento persoal e académico que non se vexa afectado pola presión e os riscos asociados ao seu uso.
Para analizar estas cuestións celebrarase unha mesa redonda, moderada pola psiquiatra infantil e coordinadora da Unidade de Saúde Mental Infanto Xuvenil do Hospital Materno da Coruña, Laura Vigo. Intervirá Francisco Ferre, xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Gregorio Marañón e creador do grupo AdCom, Centro Integral de Prevención e Investigación en Adicciones Comportamentales, o primeiro centro de España destas características para a prevención de adicións causadas polo xogo, os videoxogos, o sexo, as compras compulsivas ou as redes sociais. Tamén será relator o doutor en Medicina Molecular e Xenética, biólogo, psicólogo e divulgador científico Julio Rodríguez, que actualmente traballa na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica en Santiago. Finalmente, intervirá no ciclo Fernando Rodríguez de la Torre, diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña, técnico especialista en Márketing, posgraduado en Comunicación Empresarial, profesor na Universidade de Santiago e impulsor do Pacto de Familias en Santiago para atrasar o uso do móbil en menores.
Julio Rodríguez falará do impacto do uso excesivo de pantallas e redes sociais na saúde mental dos nenos, nenas e adolescentes. No caso dos máis pequenos, Rodríguez considera que o uso precoz de smartphones afecta negativamente a aspectos clave do desenvolvemento infantil. “Os primeiros anos son cruciais para o neurodesenvolvemento cognitivo. O experto tamén explicará os mecanismos psicolóxicos e neurobiolóxicos implicados neste aumento do risco de problemas de saúde mental, como o circuíto de recompensa, a comparación social, a fragmentación da atención, a activación do sistema nervioso simpático, e como estes afectan o benestar emocional, o rendemento cognitivo, os niveles de ansiedade e á autoimaxe, diferenciando o impacto entre mozos e mozas. “As mozas tenden a sufrir máis os efectos relacionados coa comparación social, a imaxe corporal, mesmo con trastornos na conduta alimentaria, e o acoso sutil. Os mozos poden verse máis afectados por contidos de violencia ou adición a videoxogos”, explica.
Como xenetista, Julio Rodríguez indica que a xenética pode influír no risco á adición tecnolóxica, coñecida como xenética polixénica. Porén, aclara que a xenética non determina o destino, pola contra a contorna, a educación e os hábitos familiares e escolares teñen un enorme poder modulador, sendo a interacción entre bioloxía e contorna o que define o impacto final.
Rodríguez ofrecerá unha serie de propostas prácticas para unha relación máis saudable coa tecnoloxía, especialmente en idades temperás, como son establecer límites claros, a alfabetización dixital emocional e o fomento de alternativas como o xogo libre e a conexión presencial.
Outro aspecto importante que tratará Fernando Rodríguez de la Torre será a brecha dixital entre pais e fillos. Ante esta situación, e como pai de varios fillos xa escolarizados, promoveu o Pacto de Familia no Colexio La Salle de Santiago, que foi asinado polo 76 % dos pais e nais do centro. Con este acordo os pais e nais do alumnado do centro comprométense a non mercar móbiles aos seus fillos durante o primeiro curso da ESO. Fernández de la Torre engade que para o vindeiro curso escolar 2025-2026, ten como obxectivo implantar un programa pioneiro sobre ciberacoso.