O ciclo de conferencias sobre Intelixencia Artificial da RAGC remata mañá na Coruña falando de IA verde

mércores, 25 de outubro do 2023 S. P.

A investigadora galega Verónica Bolón

Dentro do ciclo de conferencias Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, do que xa falamos dende Código Cero, celebrarase este xoves, 26 de outubro a derradeira charla no Kiosko Alfonso da Coruña.
A dita charla, que se levará a cabo de 17 a 20:30 horas (podéndose seguir tamén vía streaming previa inscrición) centrarase na Intelixencia Artificial (IA) fiábel e sustentábel e contará coa presenza presentación do tesoureiro da RAGC, José Ramón Cancelo; a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS).
Indo á xornada do xoves, dará comezo coa intervención de Verónica Bolón, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e IA da Universidade da Coruña. Abordará a Intelixencia Artificial verde, cara a un futuro sostíbel. Nesta liña, indica que “nun mundo onde a sostibilidade se converteu nunha prioridade global, a integración da IA na nosa busca dun futuro máis verde e sostíbel é unha evolución crucial”. Na súa intervención explorará o poder transformador da Intelixencia Artificial no contexto da sostibilidade medioambiental e como esta combinación pode cambiar a maneira na que abordamos os desafíos ecolóxicos.

Luis de Salvador

Apunta que o termo “IA verde” ten unha dobre vertente. “Por unha banda, refírese á aplicación de técnicas de IA para tentar resolver problemas derivados do cambio climático, como podería ser a optimización do consumo enerxético. Por outra banda, refírese ao desenvolvemento de algoritmos que son máis inclusivos e respectuosos co medio, non só ao producir novos resultados sen aumentar o custo computacional, senón tamén ao garantir que calquera investigador cun computador convencional teña a oportunidade de realizar investigacións punteiras sen a necesidade de usar servidores na nube cun elevado custo económico e computacional”.
A experta achegará ademais as estratexias clave e os avances na procura da IA verde. Isto inclúe segundo indica- o desenvolvemento de algoritmos máis eficientes enerxeticamente, a optimización de hardware especializado para tarefas de IA e a adopción de fontes de enerxía renovábeis para alimentar os centros de datos que executan estes algoritmos.
De seguido participará Luís de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Agencia Española de Protección de Datos e líder do Compoñente de Protección Datos no proxecto EU4DigitalUA en Ucraína, no que se traballa en temas como a transformación dixital, a ciberseguridade, a protección de datos ou o desenvolvemento da banda ancha no país. Explicará a IA desde a perspectiva da regulación da protección de datos.

Julián Cerviño, director da axencia autonómica AMTEGA

Para pechar a xornada, intervirá Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que abordará a regulación autonómica da IA. Sinala que “desde Galicia apostamos desde o primeiro momento por convertérmonos nunha rexión de referencia en IA. Fomos unha das tres primeiras comunidades autónomas en aprobar unha estratexia propia de Intelixencia Artificial e a primeira en elaborar un estudo sobre as necesidades éticas e normativas para a IA, co apoio das universidades a través do Nodo galicIA”. Asemade, salienta que “traballamos para preparar ás nosas institucións, ás nosas empresas e á nosa cidadanía para aproveitar a Intelixencia Artificial. E temos avanzado nun Proxecto de Lei en Intelixencia Artificial para acadar unha regulación única que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na Administración Xeral e do sector público autonómico, aliñada co marco europeo”. Cerviño manifesta que a futura lei contribuirá a “aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia”. Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos que participan neste encontro.

PUBLICIDADE