O ciclo de podcast Aquí Faltan Páxinas reivindica a soprano galega María Pardo Trapote
venres, 27 de setembro do 2024
A visibilidade da muller en todos os eidos é o motor polo que se rexe Aquí Faltan Páxinas, unha proposta da Deputación de Pontevedra a xeito de podcast con feitura de colección de relatos sonoros onde se narran episodios fundamentais da nosa historia protagonizados por mulleres galegas extraordinarias que non sempre saen nos libros e que teñen algún tipo de relación con Pontevedra.
Deste xeito, a sede de Turismo Rías Baixas acollía onte (xoves, 26 de setembro) un novo faladoiro do programa Aquí Faltan Páxinas. Desta volta, a protagonista foi María Pardo Trapote, “unha das nosas sopranos máis internacionais”, como subliñou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, durante a inauguración. O faladoiro, correu a cargo da súa sobriña-neta, Pilar de Saa, e da musicóloga e investigadora Marieta Lorenzo, que traballa na recuperación das figuras galegas da lírica nacional e internacional.
“Discípula do mestre, empresario teatral e director de ópera José Tolosa e do barítono e profesor de música Ignacio Tabuyo y Muro, o seu nome non é dos máis coñecidos da nosa lírica, sen embargo ben o merece”, asegurou a responsábel provincial de Igualdade, que lembrou que “como todas as mulleres protagonistas deste ciclo, a súa traxectoria precisaba ocupar páxinas nos libros de historia”. Porque, como moitas mulleres, “chegou a acadar a cima pero non recibiu o crédito que tiveron outros, así que era unha obriga para nós visibilizar o seu legado para inspirarnos e construír referentes para as nosas nenas e mozas”.
Natural do barrio vigués de Teis e con fondas vinculacións familiares á cidade de Pontevedra, María Pardo comezou a salientar en 1913 como unha brillante artista lírica, participando mesmo nun concurso no que obtivo unha pensión para ampliar os seus estudos en Italia. Nos anos 30 emigrou aos Estados Unidos, onde chegou a actuar na Sinfónica de Boston, e na súa carreira subiu ao escenario dalgúns dos principais teatros de Italia, Francia, España, Portugal, Brasil ou Arxentina. A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, pode consultarse nun podcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en iVoox e Spotify.