O ciclo sobre adicións tecnolóxicas do Concello de Lugo contará este xoves con Jorge Mira
xoves, 25 de abril do 2024
O catedrático da USC e divulgador científico Jorge Mira inaugura ás 19:00 horas no salón de actos do Centro de Convivencia Municipal de Fingoi de Lugo a quinta edición do ciclo de xornadas Adiccións sen substancia, organizado polo Concello co obxectivo de favorecer hábitos tecnolóxicos saudábeis e enriquecedores entre a mocidade.
O relatorio que impartirá Mira leva por título Coñecendo algunhas bases naturais do noso comportamento. Será a primeira das catro sesións, totalmente gratuítas, nas que expertos galegos e de ámbito nacional expoñerán distintos contidos relacionados coa prevención das adiccións sen substancia desde diferentes perspectivas.
Jorge Mirá é fundador e director do programa de actividades de divulgación científica Conciencia, froito da colaboración entre a USC e o Consorcio de Santiago. Conciencia está considerado por diferentes medios de comunicación como a acción de divulgación científica de máis impacto social de Galicia.
A propósito do ciclo divulgativo, o edil de Xuventude, Jorge Bustos, lembrou que “estas xornadas están destinadas ao público xuvenil, profesionais e familias”, polo que animou á participación de toda a veciñanza, xa que “pretendemos afondar nos problemas máis actuais derivados da adicción ás novas tecnoloxías e a relevancia do rol profesional na abordaxe das mesmas, dun xeito próximo e didáctico, actualizando contidos e coñecendo máis dos mesmos”.
Tres das sesións serán abertas á poboación en xeral no salón de actos do dito Centro de Fingoi, e a restante terá lugar no IES Lucus Augusti para favorecer “un encontro coa mocidade” sendo impartida por un mozo con experiencia nunha das materias, Unai Garma (emprendedor) que falará da súa experiencia e dará consellos e explicará como non caer nalgún tipo de adiccións como é o xogo en liña, así como as principais estratexias da industria e como nos enganan e os seus riscos.
Resto de sesións e relatores
– 29 de abril ás 12:50: Unai Garma Arana, emprendedor, no salón de actos do IES Lucus Augusti: Aposta por TI, non xogues con iso.
– 2 de maio ás 19:00: Mercedes Pedreira, psicóloga clínica da Unidade asistencial de Lugo: Que lle pasa a este rapaz/a?
– 9 de maio ás 19:00: Cristina Casal Pena, psiquiatra especialista en infancia e mocidade: Nenos/as e mozos/as empatallados/as e saúde mental.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa +xTi, programa co-finaciado polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad e o Concello de Lugo.