O circuíto integrado cumpre 50 anos
venres, 12 de setembro do 2008- Prototipo do primeiro circuíto integrado baseado en xermanio
O 12 de setembro de 1958 o novo empregado de Texas
Instruments, Jack
Kilby, amosou aos seus compañeiros algo que viña de construír, un
circuíto integrado nunha peza de material semicondutor, o que sería o comezo de
toda unha revolución, pois era o nacemento do chip e do que se deu en chamar terceira xeración da informática.
As válvulas de baleiro fixeran posibles os avances da electrónica na primeira metade
do século XX, e foron relevadas polos transistores (que dominaron a década dos
50), pero o invento de Kilby permitía a integración de moitos transistores nun
espazo moi reducido e sen cables ou soldaduras, posto que consistían na
creación dun circuíto completo.
- Kilby foi un dos inventores do circuíto integrado
Kilby
construíu un prototipo de circuíto integrado do tamaño dunha unlla
nun anaco de xermanio con cables sobresaíndo e pegados a unha lámina de vidro,
que en pouco se parece ao que hoxe entendemos coma un chip.
Paralelamente o enxeñeiro Robert Noyce (traballando para Fairchild
Semiconductor) tamén fixo un invento semellante baseado en silicio en vez de en
xermanio, aínda que Kilby e Texas Instruments patentaron antes o circuíto electrónico miniaturizado (en
febreiro de 1959) aínda que sería a tecnoloxía de Nyoce a que remataría por
imporse no mercado (na actualidade aínda se empregan chips baseados en silicio)
e o enxeñeiro de Fairchild Semiconductor sería un dos confundadores de Intel
xunto con Gordon Moore.
O invento do circuíto integrado recoñécese en igual medida a Kilby e a Noyce, o
que no ano 2000 lle valeu a Kilby o Premio Nobel de Física (Noyce morreu en
1990, polo que non puido recibir o galardón). Kilby tamén faleceu en 2005, polo
que no 50 aniversario do seu invento non queda ningún dos seus autores para
celebralo.