O clásico Blade volve a PC

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Entre os grandes estudios de desenvolvemento españois destacan nos últimos anos MercurySteam (Castlevania: Lords of Shadow e Metroid Dread) e Digital Legends (Kroll) nacidos das cinzas de Rebel Act Studios, compañía que con gran ambición traballou durante anos en Blade: The Edge of Darkness, título de acción en 3D (con elementos de combate táctico e rol) que tecnicamente era un portento a nivel de iluminación, pero que tras un lento desenvolvemento chegou ao mercado fóra de tempo, levando á quebra da empresa.
Pero Blade: The Edge of Darkness segue a ser un videoxogo moi destacable, especialmente dende unha perspectiva histórica, de aí que moitos reciban cos brazas abertos a súa remasterización como Blade of Darkness, de xeito que teremos doado gozar deste xogo que poderiamos considerar case como un precursor de Demon’s Soul e Bloodborne polas súas mecánicas de xogo e a súa elevada dificultade.
Esta revisión de Blade adáptase aos novos tempos, con texturas reescaladas, compatibilidade con pantallas panorámicas e moitas outras pequenas melloras para garantir que pode xogarse incluso nun monitor 4K pese a estarmos ante un xogo de hai dúas décadas. O que non mudará será a xogabilidade, o contido e a historia, convidándonos a tomar o rol de Nagifar, Sargon, Zoe o Tukaram para desatar devastadores ataques contra numerosos rivais (orcos, trolls, demos, golems, esqueletos...) nun mundo fantástico de tumbas, fortalezas, templos e palacios.

No xogo poderemos elixir entre 4 personaxes diferentes con cadansúas habilidades

PUBLICIDADE