O clásico RISK chega a Xbox One e PS4

martes, 3 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Un dos xogos de estratexia máis coñecidos é sen dúbida o RISK, e aínda que o tradicional fose gozar desta experiencia de dominación mundial nun taboleiro físico, tamén podemos xogar a este título en ordenadores persoais e consolas de videoxogos, ampliándose hoxe mesmo as plataformas para as que está dispoñible, xa que Ubisoft vén de estrear RISK para Xbox One e PlayStation 4 en formato descargable a un prezo de 14,99 euros.
Esta nova entrega ofrece unha emocionante experiencia estratéxica coas regras estándar de 2010, dirixindo a guerra dende unha sala de control de alta tecnoloxía, co mapa tradicional agora representado en tres dimensións, e facilitando incluso a participación nunha liga en liña para competir con xogadores de todo o mundo.
Aínda que inicialmente só estará dispoñible para consolas da presente xeración, durante as vindeiras semanas debería de estrear tamén versión para Xbox 360 e PlayStation 3. O xogo é unha das adaptacións a consolas de clásicos de Hasbro, compañía á que tamén debemos o coñecido Monopoly, que tamén estreou xogos hai un par de meses.


Trailer de lanzamento do RISK para consolas