O clásico Windjammers chegará a PS4 o 29 de agosto

luns, 17 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O xogo de Neo-Geo Windjammers converteuse en todo un éxito nos salóns recreativos en 1994, presentando unha estética que pode lembrar ao voleibol, aínda que as mecánicas de xogo son máis básicas, no máis puro estilo do clásico Pong ou das máquinas de hóckey de aire, de xeito que o público conectou moi rápido coa súa fórmula arcade de aí que non sorprenda moito que agora preparen o seu rexurdimento.
Este novo Windjammers ten xa programado o seu lanzamento para o vindeiro 29 de agosto, contando con versións para PlayStation 4 e PS Vita, conscientes de que o éxito do xogo orixinal eran as recreativas, desta volta apostan polo xogo competitivo en liña.
O xogo mantén a súa simplicidade: 2 xogadores, 2 botóns e 1 disco. Pero iso non quere dicir que sexa doado acadar un bo nivel, xa que a habilidade neste título continúa a ser todo un reto; e para garantir que este lanzamento é satisfactorio, os responsables do xogo xa desenvolveron unha fase de proba entre os pasados 8 e 12 de xuño na que repartiron máis de 40.000 códigos de acceso por todo o mundo, de xeito que xa puxeron a proba os servidores que permitirán gozar desta experiencia con aires retro que porá o broche de ouro a este verán.

JPEG - 124 KB
Windjammers vén a ser unha reedición do xogo orixinal adaptado para a competición en liña.

PUBLICIDADE