O cliente de Steam para Mac adáptase a Apple Silicon

venres, 13 de xuño do 2025 Redacción

Despois de anos funcionando exclusivamente mediante Rosetta 2, a plataforma de xogos Steam por fin dá o salto e está dispoñible como aplicación nativa para procesadores Apple Silicon, aínda que polo momento só en versión beta.
O cliente de Steam en ordenadores de Apple co procesadores M1 e superiores funcionaba grazas á capa de compatibilidade Rosetta 2, o que implicaba maior consumo de recursos, menor rendemento e unha experiencia menos fluída, sobre todo na interface baseada en Chromium. Pero a situación cambia radicalmente coa nova versión beta, que é unha aplicación Universal, o que significa que inclúe código optimizado tanto para Intel como para Apple Silicon. O cambio máis importante está na adaptación do Chromium Embedded Framework, que pasa de ser exclusivo de Intel a contar con soporte nativo para Apple Silicon. Isto elimina un dos principais colos de botella da aplicación.
Na práctica, isto tradúcese en arranques máis rápidos, navegación máis áxil e unha mellor resposta na tenda ou nas páxinas da comunidade. Mesmo accións básicas como cambiar de pestana ou cargar a túa biblioteca sentiranse agora moito máis lixeiras.
Esta actualización chega nun momento clave, xa que durante a WWDC confirmouse a progresiva desaparición de Rosetta 2, xa que macOS 26 será a derradeira versión do sistema operativo de escritorio de Apple en soportar equipos con procesadores de Intel e, aínda que Rosetta aínda se manterá a longo prazo, empregarase unicamente para dar soporte a xogos antigos que non reciban actualizacións.