O colectivo Galsoft desenvolve unha distribución Linux, en galego, para a nosa mocidade
mércores, 17 de outubro do 2012
A
Asociación Xuvenil de Software Libre Galsoft, co obxectivo de acadar
na nosa terra un panorama de dispoñibilidade total de programación
aberta, facendo fincapé na nosa mocidade e máis na lingua galega,
está a desenvolver unha distribución libre no noso idioma de uso
xeral: Galsoft Linux. Esta tarefa de desenvolvemento, que se acompaña
de accións para fomentar o emprego e distribución de código
aberto, deu comezo o verán pasado, dando como primeiros resultados a
posta en marcha dunha páxina web, galsoftlinux.org,
e a primeira versión da devandita distribución, acompañada de dous
paquetes de aplicacións portábeis.
A
versión 1.0 de Galsoft Linux, sinalan os integrantes da asociación,
“inclúe os programas de máis uso,
soporte para Flash, Java e os codecs de vide máis estendidos”.
Por certo que xa podemos facernos con este recurso a través da
sección Descargas.
Segundo
fan saber dende este colectivo, a
distribución irase actualizando cada pouco. Ao seu desenvolvemento
cómpre engadir unha páxina de inicio de seu dentro da web da
asociación que é semellante en feitura á interface metro do
sistema operativo Windows 8. Asemade, co fin de explicar
funcionalidades e vantaxes, habitáronse en YouTube un
vídeo titorial de instalación e outro
sobre aplicacións.
Todos
os programas e aplicacións dispoñíbeis na web desta plataforma xuvenil son
de código aberto
e teñen a licenza GNU
General Public License version 3.0 (GPLv3).
A asociación, para
rematar, salienta que o proxecto no que está mergullada (achegar o
software libre á mocidade galega) está a ser “todo un éxito,
con máis de 10.000 folletos repartidos, mais de 200 DVD entregados,
e mais de 120 descargas da distribución Galsoft Linux”.