O colexio Santa María do Mar da Coruña imponse na primeira Liga Maker Drone do ITG e a Fundación Barrié

venres, 20 de maio do 2022 S. P.

Finalmente foron dados a coñecer o equipos máis destacados na primeira Liga Maker Drone organizada pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que entregaron os premios aos gañadores este 20 de maio na Coruña. Segundo lembraron, na competición participaron finalmente 180 rapazas e rapaces de 18 centros de toda Galicia, obtendo o primeiro posto na rolda final o Colexio Santa María do Mar da Coruña, que foi o equipo que “mellor resolveu o reto de deseñar, programar e facer voar un dron para axudar a combater un incendio”. Á xornada final de exhibición asistiron 1.200 estudantes como espectadores.

Gañadores

JPEG - 91.7 KB
O equipo que resultou gañador na competición

Dos 18 centros escolares do catro provincias que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para responder o reto da liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR Santa María del Mar, da Coruña, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeral de ITG.
Ademais, houbo outro catro equipos cuxa labor foi recoñecido: o CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco, da Coruña, que recibiu o premio ao mellor deseño, entregado por Fernando Guldrís, director xeral do IGAPE; o CPR Plurilingüe Montecastelo, de Vigo, que foi distinguido por presentar “a solución máis disruptiva”, premio entregado por Gabriel Alonso, vicepresidente de Vendas en Airbus España; o CPR Nosa Señora da Carmen, de Betanzos, que conseguiu o premio “á destreza en voo”, entregado por Victoria González, do departamento de Desenvolvemento de Negocio de Drones de Enaire; e o IES da Illa de Arousa, que acadou o premio especial do público á mellor presentación. Este galardón foi concedido por Juan Ignacio Borrego Vázquez, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá.

O reto en si mesmo

Os equipos das e dos estudantes da ESO que participaron na liga, tras recibir a formación específica impartida en cada un dos centros, tiveron que idear, deseñar e programar un dron que fose capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, ao andar dun edificio no que se tivera rexistrado un incendio simulado para contribuír á súa extinción no menor tempo posíbel. Para iso, a cada un dos centros facilitóuselle un vehículo aéreo non tripulado, formación e orientación por parte da organización.
En palabras de Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, “estamos especialmente orgullosos desta iniciativa que vincula educación e tecnoloxía: a 1ª Liga Maker Drone”. Segundo fixo saber, a competición constitúe “un proxecto de calado social en Galicia, enmarcado nas nosas accións sociais e co obxectivo de crear futuro na comunidade mediante o fomento de habilidades como o traballo en equipo e a xestión de tarefas complexas”.
Pola súa banda, Carlos Calvo, director xeral de ITG, afirmou que “a Liga Maker Drone é unha oportunidade para espertar e desenvolver vocacións tecnolóxicas. Atopámonos nun bo momento porque aínda queda moito por facer neste eido, hai infinidade de solucións por imaxinar. Os alumnos que participaron sorprendéronnos coa solidez das súas solucións e do súa manexo en escena. Este é, sen dúbida, o xerme dunha xeración que despuntará, seguro, nos vindeiros anos”.

Solución gañadora: CPR Santa María do Mar

A solución ao reto desenvolvido polo CPR Santa María do Mar, da Coruña consistiu na incorporación dun tanque de auga ao dron ao que estaba conectado un tubo. Mediante un mando, podían activar e desactivar o fluxo de auga. Ademais, para axudar a que o piloto fose máis preciso, puxeron en marcha dous sistemas. Por unha banda, con láser calibrado podían marcar o punto de impacto e, pola outra, unha cámara coa que regularon a distancia ao obxectivo. Por último, conectaron o vehículo aéreo a unha mangueira que permitía encher o depósito en caso de necesidade. Así mesmo, o dron podía ter máis capacidade suxeitando menos peso.

Xurado

As demostracións das solucións deseñadas por cada equipo foron avaliadas por un xurado especializado formado por Iván Merino, piloto de drons de carreiras profesional e campión de España; José Ignacio Vidal; especialista en computación científica en Boeing; Marcos Ortega, director da Cátedra en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas ITG-CITIC da UDC; Livia Castro, xornalista especializada en drons en Infodron.es e Juan Maceiras, bombeiro da Asociación Sociocultural Bombeiros de Galicia.

JPEG - 137.6 KB
Foto de familia trala rolda final

PUBLICIDADE