O comercio da Mariña promóvese nas redes sociais ao abeiro de Merca e Gaña polo Nadal

venres, 15 de decembro do 2017 Redacción

Viveiro acolleu hoxe a presentación da campaña Merca e Gaña polo Nadal, impulsada pola Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio. Segundo se fixo saber, a dita campaña (dirixida a visualizar perante os cidadáns a importancia de apostar polos establecementos de proximidade) xa xunta 700 locais da comarca da Mariña. Na presentación participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López. Na cita en Viveiro tamén se fixo fincapé nos importantes premios postos en xogo ao abeiro da iniciativa (premios para recoñecer a fidelidade da xente polo comercio de toda a vida) e nas diferentes facianas comunicativas da campaña, que se materializa a través de distintos soportes promocionais, incluídas as redes sociais e a páxina web www.nadalmercaegana.com.
Santos Ramos salientou que “decidimos poñer en marcha esta campaña debido á importancia do comercio na economía lucense”. Segundo fixo saber, na provincia hai uns 5.500 establecementos que xeran máis de 12.500 postos de traballo. Pola súa banda, a rexedora sinalou que a iniciativa “é unha forma máis de promover o pequeno comercio de Viveiro fronte ás compras nas grandes superficies durante unha das épocas máis importantes para o sector, como é o Nadal”. Segundo lembrou, en Viveiro preto do 50% do emprego xérase a través do comercio ou da hostalería”.
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase até o 6 de xaneiro. Durante estas datas, ademais de incentivar as compras no comercio local con contidos de promoción nas rúas dos 67 concellos ou en redes sociais co cancelo #nadalmercaegaña; as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 cartóns agasallo de 300 euros e 20 tarxetas máis de 200 euros. Para isto, débese fotografar o tícket da compra e rexistralo en www.nadalmercaegana.com, ou solicitar o seu rexistro ao comerciante (o sorteo ante notario será o 12 de xaneiro). Para máis información, na presentación da campaña recomendouse facer seguimento da mesma a través de www.nadalmercaegana.com e nas redes sociais.

PUBLICIDADE