O comercio do centro histórico compostelán venderá online e de balde a través de Correos Market
martes, 29 de novembro do 2022
José
Manuel Bello Rey, presidente da Asociación de Empresarios Compostela
Monumental e da Confederación Española de Centros históricos
(COCAHI), e Manuel Serrano, presidente de Correos, asinaron este
martes 29 de novembro un acordo de colaboración en Madrid para que
todos os comercios e empresas situadas nos centros históricos de
España poidan vender de forma gratuíta a través da plataforma
Correos Market.
“É
unha gran noticia para a actividade comercial e empresarial dos
centros históricos de España o poder contar como socio para as
vendas online cunha gran institución como Correos España,
hoxe é un gran día para o noso comercio”, comentou Bello Rey.
O
acordo asinado pretende fomentar sinerxías entre ambas as
institucións para fortalecer aos comercios e empresas dos centros
históricos, ofrecendo servizos como o devandito Correos Market, o
Servizo Especial de Paquetería, O Camiño con Correos e Solucións
Ecommerce, implantando unha plataforma de comercio electrónico para
a venda de produtos.
Este
convenio pon á disposición do comercio e empresariado dos centros
históricos o servizo especial de paquetería que ten na súa web,
www.correos.es, para que poidan
realizar envíos “a un prezo competitivo” e “utilizar os
valores engadidos que ten este servizo como a recollida en tenda e a
domicilio para comerciantes e particulares”. Cabe destacar tamén,
o servizo O Camiño con Correos, para promover os distintos
itinerarios composteláns e as diferentes localidades polos que
transcorre, así como os produtos que ofertan os comercios locais.