O computador QMIO ábrese á comunidade científica

mércores, 15 de maio do 2024 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) coincidindo coa apertura á comunidade científica do uso do novo computador cuántico QMIO. O responsable do departamento de Ciencia da Xunta sinalou este paso como “un fito que vai atraer talento e investimentos e vai promover o liderado de Galicia no eido da computación cuántica”.
Neste sentido, destacou que a nosa Comunidade parte coa vantaxe de contar desde outubro co QMIO, o primeiro computador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa nunha institución pública. Esta infraestrutura supuxo un investimento por parte da Xunta de Galicia de case 14M€, como explicou o conselleiro, que estivo acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e do director do CESGA, Lois Orosa.
“Trátase dun potentísimo recurso que hoxe poñemos a disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, e que vai repercutir nun beneficio para practicamente todos os sectores económicos”, explicou o conselleiro. Non en balde, a computación cuántica pode aplicarse á farmacoloxía, medicina, loxística ou química, polo que vai permitir descubrir novos medicamentos, crear novos algoritmos de diagnose de enfermidades, optimizar os procesos de produción ou descubrir novos materiais, entre outros logros.
“O novo protocolo de acceso ao QMIO vai redundar, polo tanto, nunha aceleración da economía de Galicia e na transferencia do coñecemento a aplicacións prácticas que van ter unha gran repercusión a nivel empresarial e social”, resaltou Román Rodríguez.
A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que se levan investidos 30M€ e que xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia. De feito, espérase un incremento nos próximos anos debido a os proxectos que captarán os investigadores.

Protocolo de acceso

O QMIO será accesible de balde desde hoxe á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto a nivel de Galicia como nacional, fomentando a colaboración entre investigadores da nosa Comunidade e de toda España. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.
Rexerase a través dun protocolo establece catro tipos de acceso: a través da Rede Española de Supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o CESGA e acceso con fins educativos. O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede Española de Supercomputación (RES) da que o CESGA é un nodo. Neste caso, o CESGA achegará o 20% do tempo dispoñible do ordenador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.
No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio CESGA. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).
O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do CESGA, que na actualidade conta cun grupo de investigación en Computación Cuántica composto por 11 persoas. En concreto poderá usarse para proxectos nos que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións. Tamén se inclúen nesta categoría os proxectos de carácter estratéxico que considere.
Finalmente, o protocolo contempla o acceso para actividades educativas dirixidas á xeración de talento en computación cuántica realizadas por universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos fin de grao e fin de mestrado.

PUBLICIDADE