O concurso Consumópolis promove o consumo responsable na Internet

venres, 16 de xuño do 2017 Redacción

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis.
Nesta duodécima edición, baixo o lema Internet Fas un uso responsable?, participaron un total de 112 equipos de toda Galicia con 52 blogs sobre as vías de acceso a internet; os modos de uso das redes sociais; os tipos de produtos TIC consumidos; os seus potenciais riscos ou como realizar un consumo responsable destes produtos; compra segura e responsable a través de internet; dereitos e obrigas das persoas consumidoras; formas de pago seguro ou calquera outra cuestión relativa ao uso responsable de internet e das TIC
Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros.

Centros premiados

Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro lugar os alumnos do C.E.I.P. A Magdalena, na Localidade das Pontes de García Rodríguez; en segundo lugar o equipo do C.E.I.P. de Lourido, en Poio, Pontevedra, e en terceiro lugar un equipo do C.E.I.P. Plurilingüe San Marcos, en Abegondo, A Coruña.
No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro recaeu no C.P.I. Pecalama de Tordoia; o segundo premio no I.E.S. Maximino Romero de Lema en Zas, ambos os dous na provincia da Coruña, e o terceiro premio foi para o I.E.S. As Barxas de Moaña, na provincia de Pontevedra.
Un equipo do C.P.I. Domingo Fontán, na localidade de Portas, Pontevedra, foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio recaeu, de novo, nun equipo do I.E.S. As Barxas, mentres que o terceiro foi para un equipo do I.E.S. de Beade na provincia de Pontevedra.
Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN). A nivel estatal presentáronse a esta segunda fase un total de 593 blogs de distintos centros educativos, e participaron no concurso un total de 8900 alumnos e alumnas de toda España.

PUBLICIDADE