O congreso EUNIS reúne en Vigo 210 asistentes de 24 países

xoves, 15 de xuño do 2023 S. P.

O Auditorio Mar de Vigo acolle dende este mércores (e ata o venres) a cita anual de EUNIS, a organización europea de sistemas de información universitarios. Esta edición, coordinada pola Universidade de Vigo, ten como lema Universidades europeas e transformación dixital. Retos e oportunidades e nela participan 210 asistentes de 24 países, principalmente de Europa, como destaca Marín López Nores, docente da EE de Telecomunicación e responsable do comité organizador xunto co tamén docente do mesmo centro Juan José Pazos, director da Área de Transformación Dixital da UVigo.
En total, nestas tres xornadas presentaranse arredor de 60 relatorios e os debates centraranse en tres temas principais: Intelixencia Artificial, ciberseguridade e alianzas europeas de universidades, como explicaba no acto de apertura o presidente de EUNIS, Raimund Vogl. Na inauguración participaron tamén o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa concelleira e docente tamén da Universidade viguesa Ana Mejías.
Vogl foi o encargado de dar a benvida aos máis de douscentos asistentes a este vixésimo noveno congreso de EUNIS, asociación que, como el mesmo lembraba, naceu en 1993 como punto de encontro dos responsábeis da xestión, desenvolvemento e políticas de Tecnoloxías da Información (TIC) na educación superior en Europa, co obxectivo de contribuír á mellora dos sistemas de información de alta calidade.
O reitor, pola súa banda, quixo lembrar que a proposta de Vigo como sede deste 29 congreso de EUNIS tivo o seu xermolo no vicerreitor Manolo Ramos e, tras o seu falecemento, foron os profesores Pazos e López Nores os que tomaron a remuda, algo que lles agradeceu agarimosamente, estendendo este recoñecemento a todas as persoas que formaron parte do comité organizador.
Pola súa banda, a concelleira de I+D e Dinamización Administrativa, Ana Mejías, trasladou ás persoas asistentes o saúdo do Concello e do seu alcalde, Abel Caballero, e remarcou o importante que é para a cidade acoller congresos coma este da man da UVigo, porque “as universidades teñen un papel transcendental neste novo ecosistema conectado e dixital, onde os valores do humanismo deben guiar os avances científicos e tecnolóxicos”.
O obxectivo do congreso é presentar e publicar os últimos resultados da investigación, desenvolvemento e implantación de tecnoloxías e sistemas da información para Institucións de Educación Superior (IES) e intercambiar perspectivas e experiencias en relación á transformación dixital das universidades europeas, co propósito de avaliar estratexicamente os retos e oportunidades nunha era de novas preocupacións sobre a demografía, a mobilidade, a enerxía e a soberanía dixital.
O programa EUNIS 2023 comprende presentacións orais, presentacións de pósters, mesas redondas, relatorios, sesións prácticas e exposicións. Artéllase arredor de varias temáticas. Por unha banda, preséntanse relatorios arredor da gobernanza e as políticas para a educación superior e a investigación, e pola outra afóndase no deseño, o desenvolvemento e a implantación de sistemas de información tanto para a xestión interna, como para a cooperación interinstitucional ou para o teletraballo, a seguridade da información, a Intelixencia Artificial ou o benchmarking. Finalmente, outra liña temática comprende relatorios sobre aprendizaxe, docencia e investigación.
Tras o acto de apertura celebrouse a conferencia de apertura, a cargo de Nuno Escudeiro, profesor do Departamento de Informática da Escola de Enxeñaría do Instituto Politécnico do Porto e coordinador da Universidade Europea ATHENA, consorcio do que a Universidade de Vigo forma parte. No seu relatorio explicou a experiencia da posta en marcha desta universidade europea, a súa estrutura e obxectivos e tamén analizou de xeito máis xeral a gobernanza e as Tecnoloxías da Información nas alianzas universitarias europeas.