O congreso Galicia Emprende axuda ás nosas empresas a tirar o máximo proveito da IA

martes, 26 de novembro do 2024 S. P.

Santiago acolle esta semana o congreso Galicia Emprende: innovación e futuro dixital nas pemes, unha cita que entre hoxe e mañá (26 e 27 de novembro) apostará pola formación, pola innovación e polo intercambio de experiencias para dar un pulo ao emprendemento á nosa Comunidade. O evento desenvólvese na Hospedaría San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e ten o obxectivo de “abordar as oportunidades e desafíos da transformación dixital, brindando claves esenciais para que as pemes poidan aproveitar todo o potencial da IA e outras innovacións tecnolóxicas”. A cita vén da man da Fundación Estatal para a Formación e o Emprego (Fundae). Durante estas xornadas os participantes coñecerán as últimas tendencias tecnolóxicas e dixitais para impulsar e escalar os seus negocios. Os encargados de dar todas as claves serán algúns dos principais expertos e actores do ecosistema de emprendemento e innovación galego e español como a directora corporativa de Tecalis, Berta Caro, o xestor de seguridade dixital do Banco Sabadell, Iván Salter, o divulgador científico e CEO de Founderzschool, Pau García Milà, a coordinadora daa Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Fundación Juana de Vega, Carmen Costas, ou da piragüista galega e medallista olímpica, Teresa Portela, entre outros.
Entre as/os participantes do evento tamén se achan Antonio de Luis, director xerente de Fundae, José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, quen estivo presente na inauguración do congreso e quen lembrou que o Goberno vai mobilizar máis de 55.000 millóns de euros para modernizar as pemes da xeografía estatal e animou aos empresarios e empresarias galegas a non deixar pasar esta oportunidade. O delegado detallou que ese diñeiro, que se xestionarán a través dos distintos PERTE e do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, serán 4.500 millóns de euros en subvencións, mentres que outros 50.000 millóns de euros corresponderán a préstamos e outros instrumentos do Plan de Recuperación.
Pedro Branco afirmou que “nunca na historia de España púxose semellante volume de recursos para modernizar o noso tecido produtivo”, un cambio do que, dixo, “as pemes están chamadas a ser as protagonistas polo seu espírito innovador, a capacidade de vertebrar o territorio e a axilidade para asumir a transición verde e a transformación dixital”. Nese camiño, apuntou, “as pemes galegas saben que teñen ao Goberno de España do seu lado”, como demostra o feito de que sexan as beneficiarias do 40% dos fondos comprometidos do Plan de Recuperación en Galicia, algo máis de 1.400 millóns de euros.
Pedro Branco lembrou que programas como o Kit Dixital que, deixan máis de 112 millóns de euros en Galicia, chegaron a máis de 27.000 empresas e autónomos da comunidade. “Son medidas que avanzan na dixitalización da nosa economía, un compromiso deste Goberno que xa queda patente no feito de contar cun ministerio propio, o de Transformación Dixital e Función Pública, e que se reflicte tamén no modo de dirixir este proceso: man a man coas empresas, cos empresarios e coas empresarias”, apuntou.
O delegado tamén citou outras iniciativas como o Programa ÚNICO, con máis de 100 millóns de euros investidos para levar Internet de alta velocidade a todos os recunchos do territorio antes de que finalice 2025, ou o programa Xeración Dixital Pemes, que favorece a formación de 1.300 directivos en Galicia en competencias dixitais.
Entre as participantes no congreso tamén estaba presente a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen destacou os diferentes relatorios maxistrais sobre dixitalización, sustentabilidade, Intelixencia Artificial ou comercio electrónico que están previstos co gallo de animar aos negocios a modernizarse e a adaptarse ás novas esixencias do mercado. Amais, a directora xeral referiuse ao concurso autonómico das empresas emerxentes máis innovadoras e posicionadas que se celebrará no marco deste congreso e cuxos gañadores daranse a coñecer este mércores 27.