O congreso da Alianza Net-Zero MAR analiza no ITG as solucións tecnolóxicas descarbonizar portos

martes, 22 de outubro do 2024 S. P.

Na mañá deste martes 22 de outubro celebrouse a 1ª xornada do Congreso Anual da Alianza Net-Zero MAR, un evento organizado pola Alianza xunto co centro tecnolóxico galego ITG. O evento desenvólvese durante os días 22, 23 e 24 na sede de ITG, na Coruña, co obxectivo avanzar na descarbonización do sector portuario e do transporte marítimo en España. Na inauguración do congreso, a cargo da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, estiveron tamén o director de Planificación e Desenvolvemento de Portos do Estado, Manuel Arana; o presidente da Alianza Net-Zero Mar, Javier Cervera; e o presidente de ITG, Antonio Couceiro.
Ao longo de tres días, máis de 150 profesionais de empresas e administracións do sector marítimo portuario de toda España debaterán acerca das diferentes solucións tecnolóxicas dispoñíbeis a curto, medio e longo prazo para reducir emisións na actividade portuaria e nos servizos de transporte marítimo. Na primeira xornada participará, entre outros, a directora de Mercados de Carbono Europeos da Comisión Europea (DG CLIMA), Beatriz Yordi.
Tamén se celebrou unha sesión sobre tecnoloxías de enerxías renovábeis offshore e necesidades loxísticas no ámbito marítimo-portuario, con participación de Puertos del Estado, as Autoridades Portuarias da Coruña e Castelló e BlueNewables. A continuación, na mesa de debate sobre subministro eléctrico a buques, presentouse o primeiro estudo realizado pola Alianza Net-Zero MAR sobre subministración eléctrica en portos españois. Entre os resultados do estudo mostráronse as necesidades de potencia do sistema portuario español, así como o investimento estimado para cumprir coa normativa europea.
Trala presentación do estudo sobre OPS, continuaron as intervencións de Juan Bogas, do operador do mercado enerxético OMIE, para explicar a evolución do perfil horario de demanda eléctrica e o spread de prezos no mercado. Así mesmo, o xefe de Servizos para Terceiros de RedeIA explicou os plans de adaptación da rede eléctrica española para a descarbonización da economía. Tamén houbo un panel de debate con participación de representantes de RedeIA, Portos do Estado, as distribuidoras Iberdrola e Endesa, e as asociacións AELEC e EOPSA. O programa de conferencias do primeiro día pechouse coa intervención de Josep María Salas, conselleiro da CNMC, que tratou o caso da subministración eléctrica a buques na estrutura de peaxes eléctricas.
O evento conta cun programa de conferencias e paneis de debate no que participan representantes de empresas e administracións; unha área de exhibición na que se expoñerán as solucións tecnolóxicas para a descarbonización deseñadas por empresas punteiras neste ámbito e visitas ao Porto da Coruña, as instalacións de Navantia FENE e Galaxy-Lab, o centro de experimentación avanzada en Intelixencia Artificial de ITG.