O congreso de videoxogos e educación que se celebra en Pontevedra acollerá unha game jam de tres días

xoves, 13 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

Este mes temos pola banda de Vigo un evento que toca de ben de preto á crecente comunidade galega de desenvolvedores de propostas tecnolóxicas de lecer para fines docentes e divulgativos. Dito doutro xeito e para que se entenda: desenvolvedores de xogos para educar. Falamos da cuarta edición do IV Congreso Internacional de Videoxogos e Educación (CIVE 2016). Celebrarase, tal e como anunciamos este verán dende Código Cero, entre os días 25 e 28 de outubro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira en Pontevedra. Entre os puntos fortes do seu programa destaca sen dúbida unha Game Jam para lanzarnos en colectividade a crear produtos de lecer destinados a mellorar e ampliar as tarefas docentes e, por que non?, para mellorar o mundo.
O Congreso apoiarase sobre catro piares temáticos: o que fará o xogador, as mecánicas do xogo, a estética e a tecnoloxía. A partir de aí, tocaranse cuestións máis específicas como os videoxogos na atención á diversidade, o ensino lúdico, os videoxogos e o desenvolvemento das intelixencias múltiples, os videoxogos e a arte, a realidade aumentada e o seu potencial, os mundos virtuais, a creación e desenvolvemento de videoxogos, etc.
Este encontro está promovido pola asociación de investigadores Alfas, e chegará por primeira vez a Galicia tras pasar por Valencia, Cáceres e Bos Aires.
Como dixemos, de xeito paralelo ao congreso tamén terá lugar unha Game Jam, na que grupos de até catro persoas (das que como mínimo unha ten que ser un estudante universitario) competirán na creación dun xogo para web e/ou dispositivos móbiles dentro das temáticas propostas ao inicio da actividade.
Obxectivos
O primeiro obxectivo do congreso é “fomentar e facilitar a relación entre académicos nacionais e internacionais que traballan en estudios de deseño e desenvolvemento de produtos de lecer interactivo de educación e formación”. Ademais, búscase estreitar as ligazóns entre as entidades de formación centradas no devandito ámbito tecnolóxico e os axentes da industria.
Tamén se pretende que a mocidade interesada na creación de produtos interactivos de entretemento poidan participar no devandito Game Jam. Esta actividade, que se desenvolve conxuntamente co Concello de Pontevedra, servirá entre outras cousas para impulsar a creación de videoxogos educativos e divulgativos con vontade de “informar, formar, denunciar e simular”. Segundo informa a organización do CIVE poñéndonos en situación, unha game jam é un evento que consiste “na materialización rápida de videoxogos”, na que os participantes reúnense en pequenos equipos “de maneira improvisada e espontánea” para dar forma a un videoxogo nun período de tempo moi limitado competindo uns equipos contra outros. Neste caso concreto, o período de tempo é de tres días.
A competición está dirixida a todo tipo de programadores, deseñadores, artistas, etc. de videoxogos co requisito de que sexan maiores de idade. Cada equipo estará formado por 4 ou 5 participantes. O número máximo de participantes será de 40. O proxecto a entregar deberá ser un videoxogo con “polo menos un nivel operábel completo”.

PUBLICIDADE