O conselleiro de Educación destaca a utilidade da plataforma Abalar

mércores, 10 de marzo do 2010 Raquel Noya

O espazo Abalar, o portal web da Xunta que vai desenvolver en liña a nova estratexia de integración das TIC no actual sistema educativo galego, (do que falamos recentemente en Código Cero con motivo da súa presentación), xa se deu a coñecer en outras Comunidades Autónomas, e como era de agardar (dada a utilidade da ferramenta), “moitas delas xa mostraron o seu interese por desenvolvela”.
Así o vén de facer público o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad nunha entrevista que lle concedeu ao programa da TVG, Bos Días, onde asegurou que “Abalar será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”.
Como xa apuntamos no seu día, no vindeiro curso, Abalar chegará a máis de 700 aulas, en 200 centros educativos, e beneficiará a 14.500 rapaces e rapazas, que disporán, entre outras cousas, de cadanseu ordenador ultraportátil, unha iniciativa que, en resumo, axudará a cambiar o noso sistema educativo, facéndoo máis interactivo e ameno para os escolares.
Preguntado sobre se os centros están preparados en materia de infraestruturas para facer fronte a este reto, Vázquez Abad explicou que se trata dunha estratexia “a medio e longo prazo”, porén insistiu en que “algunha vez hai que poñer unha primeira pedra e comezar a cambiar o sistema educativo”. Non en balde, puntualizou, “Abalar vén do ‘abal’ celta, que significa avanzar”, idea que sustenta todo o proxecto.
O principal obxectivo desta ferramenta, que xa é un referente para outras Comunidades, é aproveitar as TIC na educación dos nosos escolares, así como rachar coa fenda dixital existente no noso país e integrar ás familias no proceso educativo, facéndo máis doado o traballo dos docentes.
O conselleiro tamén explicou que está a manter conversas cos editores, os cales, segundo afirmou, “están tratando de facer un cambio, porque son conscientes de que a nova sociedade esixe cambios”.
Neste senso, Vázquez Abad explicaba perante as cámaras que ”nós somos os primeiros interesados en que o sector galego desenvolva novas tecnoloxías, que o leven a ser punteiro neste ámbito”.

PUBLICIDADE