O contacontos ciberseguro do CPEIG e AMTEGA inicia unha xira por 16 centros educativos galegos

mércores, 13 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inician este 13 de outubro a actividade Ciberseguranza Kids, unha iniciativa enmarcada no convenio de colaboración formalizado polas súas entidades. O obxecto desta actividade, destinada a estudantes de entre sete e doce anos, é explicar aos menores de idade a importancia de protexer as tecnoloxías e a información que estas acubillan. Vén con formato de “contacontos dinámico e participativo”.
A sesión busca tamén familiarizar á rapazada sobre a importancia da era dixital e das posibilidades en positivo que abren as novas ferramentas, sempre e cando se empreguen racionalmente e coa supervisión axeitada. Este iniciativa, explican o colexio e a axencia, achega aos máis novos valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.
O contacontos Ciberserguridade con Sofía mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Tras o conto, o alumnado poderá preguntar dúbidas sobre a temática. A actividade finalizará cun obradoiro de debuxo guiado no que se seguirán as indicacións do ilustrador.
Realizaranse visitas a centros escolares das catro provincias galegas (Lugo: Antas de Ulla, Guitiriz, O Saviñao, e Portomarín; Pontevedra: Ribadumia, Barro, Catoira e Pontevedra; A Coruña: Zas, Ribeira, Santiso e Vimianzo; e Ourense: O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Barbadás).
Calendario de visitas
13 de outubro
-Santiso. CEIP Santiago. 13 horas
-Antas de Ulla. CEIP Antas de Ulla. 14:40 horas
14 de outubro
-Pontevedra. CEIP Álvarez Limeses. 8:45 horas
-Barro. CEIP Amor Ruibal. 13 horas
15 de outubro
-O Carballiño. CEIP Calvo Sotelo. 13 horas
-Ribadavia. Escolares dos centros educativos do Concello. Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia horario. 9:15 horas
18 de outubro
-Escairón (O Saviñao). CEIP Escairón (pendente confirmación horario)
-Portomarín. CEIP Portomarín (pendente confirmación horario)
-Guitiriz. CEIP Plurilingüe Lagostelle (pendente confirmación horario)
20 de outubro
-Zas. CEIP Zas (pendente confirmación horario)
-Vimianzo (pendente confirmación centro e horario)
21 de outubro
-Ribeira. CEIP Frión (pendente confirmación horario)
-Catoira. CPI Progreso (pendente confirmación horario)
-Ribadumia. CPI Julia Becerra (pendente confirmación horario)
25 de outubro
-Barbadás. CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (pendente confirmación horario)
-Ourense. Colexio Plurilingüe Luis Vives (pendente confirmación horario)


PUBLICIDADE