O cooperativismo e a IA protagonizan a 12ª edición do Pont-Up Store

martes, 16 de setembro do 2025 S. P.

Na mañá deste 16 de setembro presentouse o programa da nova edición do Pont-Up Store, que se desenvolverá en Pontevedra esta mesma fin de semana, o venres 19 e o sábado 20 de setembro, cun programa no que se integrarán un total de 50 participacións empresariais e máis de 20 actividades arredor das tendencias e demandas do ecosistema emprendedor.
Na presentación participaron a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; o secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández López; a vicepresidenta segunda da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes e Economía e impulso ao emprego, Luisa Sánchez Méndez; a vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva Lantarón Caeiro; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego, quen debullou os principais contidos desta 12ª convocatoria do encontro.
Figueroa explicou que “este ano o encontro quere poñer o foco na promoción dos valores da economía social, un eixe sempre presente na programación do evento que se suma así á iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que declarou este 2025 Ano Internacional das Cooperativas baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor para destacar o papel fundamental desta fórmula empresarial no desenvolvemento sostible, a erradicación da pobreza e a promoción dun crecemento económico inclusivo”.
Facendo balance, Figueroa engadiu que a Pont-Up Store apostou polas cooperativas na selección das empresas participantes desde os seus comezos, incorporando nestas 12 edicións máis de 50 iniciativas desta familia da economía social que representa o 0,8% dentro do conxunto de empresas galegas activas.
O director do Pont-Up destacou tamén as alianzas estratéxicas tecidas coa Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop e coa Rede Eusumo da Xunta de Galicia, “socias imprescindibles” na difusión do encontro entre as cooperativas e na programación de actividades arredor da economía social. De feito, esta edición arrancará con dúas actividades organizadas por estas dúas entidades. Dunha parte, a Xornada de fomento do emprendemento en cooperativa, convocada por Espazo Coop o venres de 10,00 a 14,00 horas, destinada a inspirar, conectar e impulsar o modelo cooperativo como unha opción real, respectuosa co medio natural e competitiva para lanzar un proxecto empresarial. A sesión será unha xanela práctica sobre como poñer en marcha unha cooperativa e tamén se compartirán casos de éxito. En paralelo, a Rede Eusumo da Xunta de Galicia organiza a actividade artística As cooperativas inspírannos, que propón a creación dun mural que reflicta os valores do cooperativismo dentro da carpa do Pont-Up Store durante toda a xornada do venres e o sábado. Será unha obra guiada polo artista Héctor Pichel e realizada de forma cooperativa, aberta á participación libre e acompañada dunha exposición de fotografías.
Emprendemento ligado ás industrias culturais
As industrias culturais e creativas protagonizarán varias actividades do programa. Dentro deste eixe, a Xunta de Galicia organiza o venres de 19:00 a 20:00 horas O Camiño do Emprendemento Musical, unha actividade dirixida a mozos e mozas que estean barallando o sector musical como unha saída profesional na que van presentar os seus proxectos artistas como Lola Bozzano, que participa en eventos de tecno a nivel internacional, e Muíños, con repercusión a nivel estatal. Tamén participarán profesionais do sector musical como Quique Fernández, de Cega Audiovisuais, e José Patiño, do festival Wake Up.
O sábado ao mediodía está prevista tamén a presentación da axencia creativa e produtora audiovisual Borneo, durante a que os seus creadores, Roi Grandío e Gema Míguez, falarán do documental que están desenvolvendo e do ciclo de sesións de música en directo e saúde mental que están organizando en Pontevedra.
Por último, a asociación HobbyPont fai a súa presentación pública dentro do Pont-Up Store e estréase organizando a Pont-Up GameJam by HobbyPont, unha maratón creativa de 24 horas de duración se comezará na Casa Azul do Concello o venres ás 16:00 horas e rematará ás 20:00 horas do sábado e que ten como obxectivo xuntar a persoas profesionais, estudantes e afeccionadas ao desenvolvemento de videoxogos para traballar en equipo creando proxectos arredor da temática do emprendemento.
40 emprendementos disruptivos
Nesta edición o Pont-Up Store recupera o espazo 10 minutos de gloria para presentar tres deses emprendementos disruptivos: a asistente virtual galega deseñada para coidar e entreter a persoas maiores, Serenia; o Uber para tractores, Agrolistik; e a plataforma Gastrovisual que converte a carta do restaurante nun menú interactivo en vídeo que amosa a calidade, os ingredientes e a preparación. Estas son só algunhas das 40 iniciativas que acudirán a Pontevedra esta fin de semana para presentar as súas ideas de negocio ás que hai que sumar outros 15 emprendementos que de forma rotatoria pasarán polo stand da Xunta de Galicia para presentar as súas iniciativas.
A aparición da IA no desenvolvemento de novas liñas empresariais, a innovación aplicada a sectores como o agroalimentario, o enerxético ou a cosmética natural e varias propostas de artesanía e deseño con alma galega e vocación sostible completan a lista de seleccionadas para un novo encontro que, en palabras da organización, “converterá a Pontevedra unha vez máis na capital do emprendemento galego”.
No balance faise saber que a organización recibiu este ano máis de 150 candidaturas que “volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego”, sinalan, engadindo que “as empresas con base no rural, un 59,38%, volven destacar por riba das que se asentan nas cidades nun contexto moi innovador no que as mulleres lideran o 62,50% das candidaturas recibidas”.
Canto as modalidades de participación, 32 empresas contarán cun stand na carpa da praza do Concello e nalgúns casos realizarán tamén actividades demostrativas dos seus produtos ou servizos dentro do programa.
Ademais, oito emprendementos van presentar modelos de negocio de alto potencial ao xurado da Pont-Up Venture o venres pola tarde mediante un pitch de 3 minutos que lles dará acceso a oportunidades de financiamento. Esta sesión, unha das máis agardadas, súmase a un extenso programa con máis de 20 actividades nas que participan tamén os proxectos da incubadora INCUVI Emprende da Universidade de Vigo, o programa SmartPEME da Deputación de Podntevedra para favorecer a transición dixital dos emprendementos, a iniciativa Impulsa Startup da Cámara de Comercio ou a consultoría para mellorar as páxinas web dos emprendementos que ofrecerá gratuitamente a Comunidade WordPress Pontevedra, entre outras.