O coworking Emprende Lab Barbanza amplía o seu prazo de presentación de propostas

luns, 7 de setembro do 2020 Sonia Pena

O proxecto de traballo innovador e colaborativo (coworking) Emprende Lab Barbanza, que desenvolve o Concello de Boiro con financiamento da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE) amplía o seu prazo de presentación de propostas. Os proxectos poden presentarse ao coworking de Boiro ata o vindeiro 18 de setembro, as bases e toda a información están a disposición dos usuarios na web específica do novo centro-laboratorio de traballo emprendedor: www.labbarbanza.gal.
O Concello explicou tamén que o programa de formación e aceleración Emprende Lab Barbanza vai acoller 20 proxectos na fase inicial de formación e asesoramento, dos cales 10 pasarán á fase de aceleración. Todas as persoas participantes van ter acceso a obradoiros de formación de carácter teórico-práctico, cada un deles deseñado para “capacitar ás persoas participantes de xeito intensivo”, sinalou o Concello, engadindo que estas actividades inspiranse na metodoloxía boot-camp, “identificando dificultades, propoñendo estratexias para superalas e aportando ferramentas concretas para poñelas en práctica”.
O programa está destinado a novas empresas e a empresas xa constituídas que buscan ampliar as súas liñas de traballo ou negocio. O principal obxectivo de Lab Barbanza é fortalecer o actual ecosistema emprendedor da comarca do Barbanza, favorecendo o establecemento e permanencia no espazo de traballo colaborativo de novas empresas baseadas en talento, innovación e o rápido crecemento.
O prazo de presentación de propostas está aberto, e pode facerse ata o vindeiro 18 de setembro. As bases do programa e toda a información está a disposición das persoas interesadas na devandita web do proxecto ou no enderezo electrónico info@labbarbanza.gal.

PUBLICIDADE