O coworking TIC de Ames toma nota da experiencia do Pazo de Arenaza para a súa vindeira posta en marcha

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

Este xoves 4 de xuño o Pazo de Arenaza en Oleiros, espazo de coworking da Deputación da Coruña, acolleu unha xuntanza para dar un novo e relevante impulso á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, que impulsa a entidade coruñesa en Oleiros pero tamén en Ames, Brión, Boiro, Carballo e Moeche. Na xuntanza deste xoves participou unha delegación do Concello de Ames, encabezada polo alcalde, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz. Segundo lembraron, o polígono Novo Milladoiro, emprazado no devandito concello, dará acollida ao que será un dos grandes centros referenciais de traballo cooperativo e innovador da nosa terra. Será o Centro de Coworking A Proa, centrado en contidos tecnolóxicos.
A visita deste xoves forma parte dun periplo polos diferentes espazos da devandita Rede co fin de compartir recursos, achados e metodoloxías.
Na visita, a delegación amesá puido coñecer con detalle a estrutura e a xestión do que foi primeiro espazo de coworking habilitado pola Deputación da Coruña, que leva funcionando máis dun ano e que está centrado na incubación e o lanzamento de proxectos emprendedores da área da arquitectura e o urbanismo.
Durante dúas horas, técnicos da área de Emprego da Deputación explicaron aos representantes de Ames os detalles, particularidades e potenciais do centro, así como a experiencia vivida desde a súa posta en funcionamento.
O espazo colaborativo do Pazo de Arenaza serve como base fundamental de proxectos de arquitectura, urbanismo, enerxías renovábeis ou deseño de interiores, con diferentes postos e salas de reunións habilitadas para o desenvolvemento dos traballos por parte dos/as emprendedores/as, que tamén tiveron oportunidade de trasladar persoalmente as súas impresións ao alcalde de Ames, concello onde a Deputación, xunto co Goberno local, pretende pór en marcha un novo centro de traballado innovador e cooperativo, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, que se centrará nos ámbitos das novas tecnoloxías e do sector audiovisual. Segundo fixeron saber, este espazo comezará a súa actividade en datas vindeiras, “o antes posíbel”. Dende alí, sinalou o alcalde, darase impulso a proxectos emprendedores centrados na innovación, a tecnoloxía e o sector audiovisual, “puntos fortes de Ames”, recoñecida no seu día coa distinción de Cidade da Ciencia e Innovación.
Na xuntanza deste xoves 4, a coordinadora do plan PEL da Deputación, Marisa Lista, explicou os aspectos máis relevantes do funcionamento do Pazo de Arenaza. Por parte da empresa xestora do mesmo, avanzáronse ideas para ter en conta por parte do Concello de Ames sobre a xestión e control de accesos, así como na dinamización do espazo, punto clave para o bo desenvolvemento dos proxectos.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, salientou que “o obxectivo é poder ofrecer o mellor servizo posíbel e de aí que queiramos ver como funcionan outros espazos que xa contan con experiencia”. Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, sinalou “que xa estamos traballando no regulamento que rexerá A Proa, así como na ordenanza fiscal, polo que coñecer os aspectos que funcionaron noutros espazos permitirá mellorar ou noso espazo colaborativo”.

PUBLICIDADE