O coworking da Deputación da Coruña na Capela impulsa xa oito proxectos emprendedores

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

O alcalde da Capela, Manuel Meizoso, a deputada Rosa Ana García, e persoal técnico do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, visitaron esta semana as instalacións do coworking local, promovido pola institución provincial ao abeiro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. A deputada, na súa visita, interesouse polos oito proxectos empresariais que unha decena de emprendedoras e emprendedores desenvolven actualmente no centro da Capela e que pertencen a sectores como o apoio técnico ao sector agrogandeiro e agroforestal, proxectos de desenvolvemento rural e coidado do patrimonio ou servizos e tecnoloxía relacionada co mundo rural, como traballos con dron e formación na pilotaxe destes aparellos.
García destacou que a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña está conformada por once centros, entre eles o da Capela, nos que desenvolven o seu traballo máis dun centenar de coworkers en toda a provincia .
O espazo de traballo colaborativo da Deputación na Capela sitúase no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves. O centro dispón dunha superficie de case 180 metros cadrados. Conta con tres despachos, unha sala de traballo con capacidade para 15 persoas, sala de xuntas e aparcadoiro público no exterior. A día de hoxe conta con dez persoas emprendedoras que están a desenvolver os seus proxectos e que reciben formación, orientación, titorización e soporte á hora de impulsar os seus negocios.
Actualmente o espazo conta con catro espazos dispoñíbeis, polo que as persoas interesadas poden solicitar a súa praza.
A deputada provincial de Emprego visitou tamén á Oficina Next, posta en marcha pola Deputación en marzo do ano pasado. Trátase da primeira oficina de xestión de Fondos Europeos creada por unha administración local en Galicia, que ademais desenvolve o seu labor desde un concello rural, con pouco máis de 1.000 habitantes A Oficina Next destínase á detección de oportunidades e á redacción e presentación de proxectos no marco das diferentes convocatorias dos fondos europeos de recuperación, aliñados cos eixos vertebradores do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). “Trátase dun servizo pioneiro en Galicia que se presta dende un concello rural aos 93 concellos da provincia", explicou Rosa Ana García.
A Oficina presta apoio aos concellos a través dun equipo asesor para atender e resolver consultas sobre os Fondos de Recuperación, Transformación e Resiliencia, así como para asesorar no proceso de identificación, deseño, preparación e presentación de proxectos para as diferentes convocatorias.
O obxectivo é prestar un servizo integral que permita aproveitar as oportunidades de financiamento de actuacións provinciais a través dos Fondos de Recuperación.

PUBLICIDADE