O creador de Livetopic apadriña este xoves o arrinque das actividades do Lab Barbanza

mércores, 23 de setembro do 2020 Sonia Pena

Antonio Casal, director executivo e fundador da firma galega Livetopic, participará este xoves 24 de setembro na primeira xornada do proxecto de innovación empresarial, emprendemento e traballo colaborativo Emprende – Lab Barbanza, impulsado polo Concello de Boiro en colaboración da Deputación da Coruña.
Casal mostrará os detalles da súa experiencia á fronte dunha empresa que é hoxe en día unha das startups galegas con meirandes expectativas de crecemento, e que ten como cometido achegar aos cidadáns, a través dunha aplicación, métodos e recursos para mellorar a súa situación económica.
A xornada vai dirixida aos participantes do programa boirense de incubación e aceleración de proxectos, aos que se lles achegará toda a información sobre o mesmo e se lles permitirá, ademais, compartir os obxectivos, potencialidades e desafíos das súas propostas.
As persoas participantes no proxecto van coñecer o espazo de traballo e, como dixemos, asistir a unha charla de carácter inspiracional a cargo do empresario Antonio Casal Rey, cofounder e CEO en Livetopic. A benvida institucional será a partir das 10.15 horas no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira, e está confirmada a asistencia de José Ramón Romero, alcalde, Marcos Fajardo, concelleiro de Comercio e Industria, e Tomás Estévez, xerente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE).

PUBLICIDADE