O cuarto Concurso de Podcast Radio na Biblio xa ten palmarés

luns, 16 de maio do 2022 S. P.

Finalmente (e coincidindo de xeito significativo con este Maio das Letras) déronse a coñecer as propostas gañadoras do cuarto Concurso de Podcast Radio na Biblio, impulsado dende a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de estimular a creación de novos contidos entre os escolares ao tempo que se celebra o Día das Letras Galegas e (no caso concreto deste ano) a figura de Florencio Delgado Gurriarán). Segundo puidemos saber, nesta edición do certame premiarase o traballo de centros de Cedeira, Malpica, A Guarda, Vigo e A Coruña. Os programas radiofónicos serán emitidos pola Radio Galega e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.
O certame constou de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos). Os traballos premiados, cada un deles cunha asignación de 1.000 euros en cada unha delas son os seguintes:
-Infantil e 1º/2º de Primaria. CEIP Nicolás del Río. Cedeira. Poemas crioulos II
-3º a 6º de Primaria. CEIP Milladoiro. Malpica de Bergantiños. Unha regueifa a Don Florencio
-CEIP As Solanas- Nicolás Gutiérrrez Campo. A Guarda. A treboada de Corgomófiilo
-CEIP Manuel Rodríguez Sinde. A Guarda. De volta en volta
-CEP Dr. Fleming. Vigo. A hora de Galicia III
-Educación Secundaria Obrigatoria. IES P. Rafael Dieste. A Coruña. A heroica vida de Florencio IV
-Bacharelato, ensinanza de Persoas Adultas ou FP. EOI da Coruña. A Coruña. Choiva ou pluie – Florencio Delgado Gurriarán
-CEE Saladino Cortizo. Vigo. Domadora de serpes
Os equipos galardoados poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela.
Puideron participar neste concurso os 138 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Nesta cuarta edición do certame concorreron 70 centros educativos que enviaron 105 traballos.
O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e “un uso responsábel da información en múltiples formatos”.

PUBLICIDADE