O cuarto certame Youtubeir@s abre prazo de inscrición con 12 categorías e 7.500 euros en premios

martes, 26 de maio do 2020 S. P.

Os Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos da nosa terra, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa cuarta edición con cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, auto-producidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019.
Nas bases tamén se especifica que no caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data.
Diversidade
Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até vídeoblogs políticos ou vídeoconsellos de moda. Ao tempo, buscan dar visibilidade á produción en galego e á comunidade creadora e, tamén, “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.
Ampliación de categorías
Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 contémplanse doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros.
Xurado
O palmarés desta cuarta edición será escollido un ano máis por un xurado profesional, conformado por persoas de recoñecido prestixio. Nesta ocasión, estará conformado por Brais Romero, crítico audiovisual e director da revista A Cuarta Parede; Matías Tarrío, xornalista, redactor e director de programas de televisión; Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Xoana, compositora e cantante; e a xornalista audiovisual Mabel Montes. O xurado decidirá a relación de finalistas en cada apartado con anterioridade ao acto de entrega e non poderá deixar deserta ningunha das categorías.
Prazo de inscrición
O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premio Youtubeir@s abre este mércores, 27 de maio de 2020, e pecharase o 23 de outubro de 2020 ás 23.59 h. Cada participante debe inscribirse a través do formulario que figura na web do concurso, onde se poden consultar as bases completas desta cuarta edición.
Premio do Público
O único galardón que non decidirá en exclusiva o xurado será o Premio do Público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases xerais.
Organizadoras
Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE