O curso de turismo da UDC pon o foco nos desafíos e potencialidades da IA no sector

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

Estes días estase a desenvolver no Ézaro (Dumbría) un curso de verán da UDC centrado na dixitalización do turismo. A cita lévase a cabo na Casa da Cultura, baixo o fío temático Transformación no turismo: oportunidades, retos e casos de éxito na xestión turística intelixente. O alcalde de Dumbría, Raúl González, e o presidente da CMAT e rexedor de Zas, Manuel Muíño, e a directora do curso, Iria Caamaño, foron os responsábeis de abrir a xornada. O programa inclúe dúas mesas redondas e outras dúas conferencias con diversos expertos en innovación turística.
Na mañá deste 2 de xullo a actividade acolleu unha mesa redonda sobre turismo intelixente na que participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, e da secretaria técnica da CMAT Catherine García Pernas, que puxeron en valor o potencial da Intelixencia Artificial para a profesionalización do sector turístico.
Como dixemos, o curso de verán da UDC de turismo, que se desenvolve até este mércores 3 de xullo, aborda nesta edición os retos e oportunidades da xestión turística apoiada nas máis avanzadas tecnoloxías.
Regueira comezou a súa intervención mirando aos seus inicios en turismo no 2004, cando "non existía como sector económico, nin había profesionais nin persoal técnico nin consultorías...". Nestes 20 anos, afirmou, "algunhas cousas mudaron moito: somos un destino recoñecido na potencia mundial, demandado e destacado. Contamos cun sector formado, competitivo e que aposta pola calidade e ademais, o turismo cada ano ten un maior peso económico, rondando actualmente o 14%". Regueira dixo que boa parte dos retos do sector son tamén oportunidades, referíndose ao que implicou a tecnoloxía "para as centrais de reservas, liñas de baixo custe, plataformas de información, a economía turística colaborativa...", ferramentas "que cambiaron para sempre a forma na que eliximos, compramos e desfrutamos do turismo".
Regueira falou tamén das vantaxes da Intelixencia Artificial xerativa "nun momento de volatilidade, incerteza, complexidade e ambigüidade como o actual", pois ofrece "velocidade na difusión da tecnoloxía ao ser altamente intuitiva".
E, rematou citando os principais retos do sector turístico: “Entender o cambio, aprender as linguaxes e a comunicarnos coas novas contornas tecnolóxicas, integrar as novas tecnoloxías e investir en I+D+i par facerlle fronte a toda esta revolución”. O obxectivo, dixo, é "saber vender turismo a través da Intelixencia Artificial”.