O dashboard de Situm permite a visualización de múltiples edificios en tempo real

venres, 8 de xaneiro do 2021 S. P.

A empresa galega Situm rematou ao ano presentando melloras importantes no seu dashboard, que estreou capacidade para centralizar nun só acubillo todos os datos que debemos coñecer da nosa empresa, xuntando novas representacións gráficas en 3D de mapas e planos, xestión de datos e visualización de edificios e usuarios.
O dashboard de Situm, nas súas palabras “unha ferramenta potente, intuitiva e visualmente atractiva”, é un panel web dende o que xestionarmos todas as ferramentas e funcionalidades dunha solución de localización, desde o posicionamento até a navegación en interiores ou o tracking.
Dende unha única pantalla multifunción, podemos visualizar e xestionar os usuarios en tempo real, a cartografía, as analíticas, as geofences, as rutas de navegación e a infraestrutura necesaria.
O panel salienta tamén por facilitarnos a consulta, ao liberarnos da obriga de cambiar manualmente os inmóbeis en seguimento. “A partir de agora, grazas ás últimas melloras gráficas implantadas na tecnoloxía de Situm”, explican fontes da empresa compostelá, “xa será posíbel ter a todos os nosos usuarios localizados na mesma pantalla; e tamén se mostrarán varios edificios á vez e en tempo real”.
As melloras gráficas implantadas por Situm fan tamén realidade a visión 3D destes mapas. Así, amais de usuarios localizados tanto dentro como fóra dos edificios, poderemos situalos en cada un dos andares en altura.

PUBLICIDADE