O décimo aniversario da Casa da Xuventude de Lugo será unha festa creativa das redes sociais

mércores, 31 de marzo do 2021 S. P.

A alcaldesa Lara Méndez e a concelleira Ana Abelleira nas instalacións da Casa da Xuventude

O Concello de Lugo vai celebrar ao grande o décimo aniversario da Casa da Xuventude, este 9 de abril. Farao poñendo o foco na mocidade e nas que son xa as súas ferramentas tecnolóxicas preferidas: as redes sociais. O programa foi dado a coñecer pola alcaldesa Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude, Ana Abelleira. As accións vanse desenvolver os días 9, 10 e 11 de abril combinando actos presenciais, online e máis o uso das redes sociais. Haberá exposicións, a presentación do Dicionario Galego para boomers, actividades de escape room, rutas, faladoiros e música. A intención é “dar voz á poboación xuvenil, que ten moito que dicir sobre a cidade e a sociedade que construímos entre todas e todos”.
Como dixemos, a programación do décimo aniversario desenvolverase durante a fin de semana do 9, 10 e 11 de abril. A concelleira Ana Abelleira sinalou que debido as restricións sanitarias, “non realizaremos actividades multitudinarias, como quixésemos, pero faremos un esforzo importante con pequenas accións presenciais e moitas actividades online, estando moi presentes tamén nas redes sociais”.
Venres 9 de abril
O aniversario arrincará ás 18.00 horas do venres, 9 de abril, cun acto institucional e co xornalista xornalista Baruk Domínguez como mestre de cerimonias. Montarase un photocall para a ocasión e descubrirase un novo graffiti na fachada da Casa da Xuventude, que será a súa nova imaxe. Ademais, a escola de danza Gravitty Lugo apoiará a gravación dun baile a través de Tik Tok.
Ás 19.00 horas inaugurarase a exposición da fotógrafa Adra Pallón. Baixo o título A crise industrial.
Ás 19.30 horas presentarase o Dicionario galego para boomers, elaborado polo alumnado de 1º da ESO do instituto lugués Leira Pulpeiro. As e os creadores recollen neste traballo definicións de conceptos empregados no día a día polas mozas e mozos.
Este primeiro día de celebración tamén contempla un escape room de misterio no interior da Casa da Xuventude. Esta actividade estenderase ata o 17 de abril. As inscricións poden realizarse xa a través da web xuventudelugo.gal.
Sábado, 10 de abril
Ás 11.00 horas, Julen Bollain dará a coñecer online o libro Hoy es mañana, un ensaio para a mocidade, no que participan 10 mozas e mozos profesionais de distintas materias e que aborda a necesidade de repensar o futuro e decidir de forma colectiva o mundo postpandemia que se desexa. Ás 12.00 horas comezará unha ruta sobre a Arte Urbana en Lugo, da man do guía Guido Álvarez. O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude e é preciso inscribirse en xuventudelugo.gal.
Pola tarde, dende as 17.00 horas, o protagonista será o rap, co obxecto de promover o talento musical da mocidade luguesa neste xénero.
Domingo, 11 abril
Ás 11.00 horas presentarase vía online o libro Tú no eres tu selfie: 9 secretos digitales que todo el mundo vive y nadie explica, da autora Liliana Arroyo.
Ás 12.00 horas, a mocidade poderá participar na ruta O Lugo da Xuventude, dirixida por Guido Álvarez. Pola tarde, o Concello programou Faladoiros de Xuventude Activa, a partir das 17:00 horas, onde se quere dar voz á mocidade e as súas inquietudes. Neles participarán Ruben Hamade Longarela e Gael Zarza Arias, de Gravitty Lugo; Nacho Ozores Mosquera, director e editor, que presenta o seu corto Mentres isto pasa, nomeado aos Mestre Mateo; Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoutoral no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); Paula Rodríguez Villamayor, premio Talento Mozo de Galicia, na modalidade de Rural; Héctor Castiñeira, coñecido como Enfermera Saturada; Diego AS, grafiteiro lucense, semifinalista da Liga Nacional de Graffiti; Talía Rodríguez, gañadora do 1º premio do certame #LugoEnIgualdade; Mº Isabel Casanova, a protagonista do vídeo premiado; e alumnado de 1º da ESO do IES Ánxel Fole, gañadores do 2º premio do certame #LugoEnIgualdade.
O broche de ouro porao o grupo de indie-rock Forget La France.
Maratón fotográfico en Instagram
Coincidindo coa celebración dos actos conmemorativos do 10º aniversario, Xuventude convoca un maratón fotográfico para premiar a creatividade e técnica da mocidade. Poden presentarse persoas de 14 a 35 anos, empadroadas no concello de Lugo, ou que traballen ou estuden no municipio, que teñan unha conta de Instagram pública. Tamén deberán seguir a conta de Xuventude en Instagram: @xuventude_lugo. As e os menores de 18 anos precisarán permiso dos pais, nais ou titores/as.
As imaxes deberán realizarse durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación de dito aniversario. Cada persoa participante deberá subir ao Instagram unha única fotografía co cancelo #XuventudeActiva. Deberase mencionar no título a @xuventude_lugo.
O xurado cualificador estará composto por profesionais do sector da fotografía que premiarán a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. A selección das fotografías gañadoras será decisión absoluta do xurado e o seu veredicto, definitivo.
Establécese un único premio dunha fin de semana para dúas persoas nas Cabanas da Chousa, no Veral (Lugo).

PUBLICIDADE