O delegado do Goberno presenta na Coruña a versión dixital do DNI

xoves, 29 de maio do 2025 Redacción

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, inaugurou esta mañá unha xornada na Xefatura Superior de Policía de Galicia para presentar a aplicación MiDNI, que permite a identificación segura a través do móbil grazas á nova versión dixital do Documento Nacional de Identidade. Blanco cualificou esta novidade como un avance revolucionario e salientou que supón un paso decisivo na modernización da Policía Nacional e na dixitalización das relacións entre cidadanía e administración.
Durante o acto, celebrado no Complexo Policial de Lonzas, o delegado estivo acompañado polo xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco, e o comisario provincial na Coruña, Carlos Gómez. Blanco lembrou que o novo DNI dixital ten a mesma validez legal ca o físico, co que convivirá, e anticipou que en breve se converterá no principal sistema de identificación, sobre todo cando se poida empregar para trámites en liña nunha segunda fase de implantación.
O delegado advertiu de que tanto as administracións públicas como os organismos privados deberán adaptar os seus sistemas antes de que transcorra un ano, para poder aceptar a nova modalidade de identificación. A xornada formativa contou coa presenza de policías nacionais de toda Galicia e persoal doutros organismos públicos, e foi impartida polo comisario xefe da División de Documentación da Policía Nacional, Francisco Herrero, unha das figuras clave no desenvolvemento da aplicación.