O deseñador galego Roberto Verino afiánzase no metaverso

venres, 17 de xaneiro do 2025 S. P.

A empresa do deseñador galego Roberto Verino comezou o ano en clave tecnolóxica. En concreto, fíxoo entrando no metaverso cun novo proxecto: CuarentaxDiez, concibido por Iago Jover Mariño, membro da saga familiar da marca (forma parte da terceira xeración da marca) e presentado este xoves 16 de xaneiro na Asociación de Diseñadores de Madrid e Fundación Diseño Madrid.
Segundo adiantou a firma, estamos ante unha proposta virtual onde moda e tecnoloxía dan o mellor da súa confluencia. A través dela, podemos mergullarnos (da man do avantar do propio Roberto Verino) nas catro décadas de andaina da marca e, tamén, nos sendeiros que percorrerá os anos vindeiros. Do mesmo xeito, permite aos visitantes combinar prendas e elixir a roupa máis axeitada conforme ás súas respectivas axendas de traballo ou lecer. Os usuarios tamén poden propor ao avatar de Verino todo tipo de preguntas sobre moda. Todo dun xeito interactivo e inmersivo.
Iago Jover Mariño, neto de Roberto Verino, ocupa a día de hoxe o posto de director de Innovación da marca e é, como dixemos, o principal responsábel de CuarentaxDiez.