O desenvolvedor José Luis González fará un percorrido na Industriosa pola xénese do xogo subROV

martes, 21 de maio do 2024 S. P.

Este sábado 25 de maio ao mediodía (ás 12.00 horas) vaise celebra no centro de tecnoloxías abertas A Industriosa, emprazado en Vigo, unha charla impartida por José Luis González arredor do xogo subROV: underwater discoveries, no que o relator está a traballar actualmente, e arredor das súas experiencias como creador de videoxogos. A charla levarase a cabo baixo o epígrafe Diário de Desenvolvemento: A aventura submarina.
José Luis estudou Composición e Piano no Conservatorio Superior de Vigo, e traballou en numerosos proxectos como compositor e deseñador de son. Na actualidade compaxina o seu traballo como freelance co desenvolvemento de proxectos propios, tanto xogos (subROV), como software e hardware libre (por exemplo o sintetizador modular miniMO).
Para participar na sesión debemos realizar unha inscrición (gratuíta) a través de Meetup.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE