O dicionario en liña da RAG pechou ano cun 42% máis de procuras

luns, 8 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Sen dúbida o ano 2017 pasará á historia para a Real Academia Galega e a súa actividade en liña. Foi, de feito, o ano en que rexistrou un meirande número de procuras ao abeiro do seu dicionario online, até 20,5 millóns de consultas, amais do ano en que foi quen de consolidarse (definitivamente) unha palabra que toca de preto a todas as persoas e entidades que loitan cada día por preservar o galego na Rede: a palabra afouteza. Respecto da salientábel cifra das 20,5 millóns de procuras, a máis alta dende a posta en marcha da versión dixital do dicionario en 2013, significa un medre do 42% con respecto aos números acadados en 2016, e unha cifra diaria de consultas de 56.000.
O dicionario da RAG tamén estrea <a href="https://play.google.com/store/apps/details?id=org.rag.dicionario">aplicación móbil oficial para Android</a> (a versión para iOS está pendente de aprobación para a súa publicación na App Store)En palabras da RAG, estes fitos confirman o afianzamento do dicionario “como unha ferramenta cotiá imprescindíbel da lingua galega para un crecente número de persoas, en constante actualización co apoio da Fundación Barrié”.
Amais de todo o devandito, a ferramenta lingüística galega alcanzou os 1.059.472 usuarios únicos, case 192.000 máis cós 867.555 de 2016.
Para quen non o saiba a estas alturas, as persoas que acotío fan uso deste servizo poden acceder aos significados de máis de 56.000 termos tanto a través da web da institución (academia.gal) como do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal). A RAG tamén lembra que ás máis de 20,5 millóns de consultas rexistradas desde ambas as webs en 2017 cómpre engadir os 2 millóns de visualizacións que sumaron as aplicacións para o dicionario para Android e iOS, cunhas 70.000 descargas.

PUBLICIDADE