O director Lucas Figueroa tira partido do fenómeno das redes sociais para a súa primeira longa: Viral

luns, 10 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

As redes sociais por si mesmas xa hai tempo que achegan materia prima para filmes, novelas e cómics, pero se cadra non había até o de agora nada tan específico acerca das consecuencias do uso intensivo das ditas ferramentas 2.0 (e da nosa arela por ter a meirande cantidade de seareiros/fans) como no filme Viral, un achegamento español ao fenómeno da información compartida nas redes que vén da man do director Lucas Figueroa e que rematará de rodarse co novo ano en Madrid. Figueroa, até o de agora especializado en curtametraxes (moi premiadas, por certo), lánzanos coa súa estrea no eido das longametraxes a seguinte pregunta: “Que seriades quen de facer por ter 100.000 fans?”
O filme en cuestión, un thriller de suspense que transcorre en boa medida nas horas de peche dun gran establecemento de produtos culturais e de lecer (concretamente a tenda FNAC de Callao), está interpretado por Juan Blanco e Aura Garrido, contándose con guión do propio Figueroa e de Javier Pascual. Nárrase a historia de Juan, un rapaz no paro, que ten a sorte de participar nun concurso que consiste en vivir unha semana no dito edificio da FNAC, de onde non poderá saír baixo concepto algún e cuxo único contacto co resto da xente lévase a cabo a través das redes sociais. As vivencias de Juan no seu encerro serán transmitidas polas redes co obxecto de acadar a meirande virabilidade.

PUBLICIDADE