O director da AESIA, Ignasi Belda, visita o CITIC da UDC

mércores, 12 de novembro do 2025 S. P.

O director da AESIA (Axencia Española de Supervisión da IA), con sede na Coruña, Ignasi Belda, coñeceu de primeira man as instalacións e os proxectos nos que traballa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña. Foi no transcurso dunha visita ao CITIC, onde foi recibido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto co director do centro, Manuel González Penedo.
Durante a reunión, González Penedo, expuxo as principais capacidades e a traxectoria deste centro da UDC nos ámbitos de investigación, transferencia e divulgación científica. Destacou o traballo desenvolvido polo persoal investigador, un dos factores que consolidaron ao CITIC como un referente en intelixencia artificial.
No encontro os investigadores Amparo Alonso e Francisco Bellas, presentaron as súas liñas de traballo en canto a usos responsables da IA e na súa aplicación ao ámbito educativo, respectivamente.
Pola súa banda, o director da AESIA, Ignasi Belda, destacou que “desde A Coruña deséñase o goberno da IA en Europa. A Axencia participa activamente nunha vintena de grupos de traballo da Comisión onde se analiza a aplicación do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial e o seu impacto”.
Belda explicou tamén que a Axencia está a elaborar un ambicioso plan de sensibilización e formación para “promover unha cultura de IA en España e garantir a democratización tecnolóxica para que ninguén fique atrás”.
Manuel González Penedo sinalou que, dada a traxectoria do CITIC en proxectos con mozos, persoas maiores e pemes, colectivos especialmente relevantes para fomentar un uso responsable da IA, o centro e a AESIA poderían establecer futuras liñas de colaboración en materia de divulgación e sensibilización sobre esta tecnoloxía.
Na visita tamén estiveron o subdelegado do Gobierno na Coruña, Julio Abalde quen destacou que “foi un frutífero intercambio das funcións da axencia e experiencias dos grupos de investigación do centro, o maior centro universitario de investigación en IA de Galicia, para crear sinerxías que permita que España e Galicia ocupen postos relevantes de desenvolvemento de IA en Europa”.
Abalde lembrou que é “un paso máis no impulso e apoio do Gobierno de España á posición punteira da IA galega que supuxo a aposta por implantar a primeira Axencia en Europa na Coruña e que continúa co financiamento maioritario do novo centro do CESGA e o financiamento de 24 M€ na nova factoría europea de IA”.
A visita enmárcase dentro da rolda de contactos que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial está a realizar aos principais organismos de base tecnolóxica.
A AESIA, con sede na Coruña, é a primeira axencia de supervisión da IA en Europa. É un organismo adscrito ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública que traballa para lograr o desenvolvemento dunha Intelixencia artificial, ética, sostible e confiable.