O director da Fundación Mobile World Capital Barcelona, galardoado polo CPEIG

luns, 24 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) entregará o Premio Colexiado de Honra ao director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau. O recoñecemento, xunto con outros nove galardóns, entregarase no marco da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). O Colexio concede a Grau o devandito galardón polo “seu labor profesional no ámbito da Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, así como no desenvolvemento de negocio dixital”.
Carlos Grau Lara é enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Cataluña, e PDD por IESE. Tras ocupar diversos cargos de dirección de vendas e mercadotecnia en empresas do sector TIC, como Hewlett-Packard, Accenture, Sun Microsystems o Telefónica, Grau uniuse a Microsoft como director xeral en Cataluña. Nos últimos anos, o premiado centrou a súa actividade no eido da innovación, onde liderou proxectos como Biid, startup centrada na identidade móbil, ou Step One Ventures, fondo de capital de risco que inviste en compañías tecnolóxicas con alto potencial de crecemento.
Grau tamén exerceu como mentor para emprendedores a través de Barcelona Activa ou o programa de aceleración Startupbootcamp IoT and Data, impulsado en colaboración con MWCapital. En novembro de 2017, Carlos Grau foi nomeado director xeral de Mobile World Capital Barcelona (MWCapital).
Como lembraremos, a Mobile World Capital Barcelona é unha iniciativa “dirixida ao desenvolvemento dixital da sociedade e axudar a mellorar a vida das persoas”. Con apoio público e privado, MWCapital centra a súa actividade en catro áreas: a aceleración da innovación a través do emprendemento tecnolóxico; a transformación da industria mediante a tecnoloxía dixital; o medre do talento innovador entre as novas xeracións e os profesionais; e a reflexión sobre o impacto da tecnoloxía na nosa sociedade. MWCapital acolle o evento MWC Barcelona e fundou 4 Years From Now, a plataforma de negocios para a comunidade de startups presente en todos os eventos de MWC en todo o mundo.

PUBLICIDADE