O director da Tecnópole aposta por atraer nómades dixitais ao noso rural para combater o despoboamento

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

A Mobile Week Ourense 2021, centrada desta volta en reflexionar no impacto da transformación dixital, celebra este martes 23 a súa última xornada. O director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo, participou na mesa redonda sobre estratexias de dixitalización da contorna rural para evitar o despoboamento. Abordáronse cuestións como a conectividade no rural, achegando un modelo de intelixencia conectiva axeitado aos intereses do rural galego e ao mesmo tempo proxectado á súa viabilidade económica e ao modelo de desenvolvemento futuro.
Xunto ao director de Tecnópole, participaron tamén a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé; e Raúl Carbajal, investigador rural postdoutoral na Universidade de Oviedo. A responsábel de moderar a mesa foi a xerente de Abanca Innova, Rosa Seoane.
Na sesión profundouse no impacto positivo da dixitalización da contorna rural para evitar o despoboamento e en como crear unha oportunidade para o asentamento dos traballadores do coñecemento neste ámbito.
Durante a súa intervención, Javier Taibo fixo referencia á formación e ás infraestruturas como dous dos grandes retos aos que se enfronta o rural: “Hoxe no medio rural temos unha barreira cognitiva que debemos que romper. É preciso levar a transformación empresarial, a formación e a creación de empresas para levantar as inquietudes da xente neste ámbito, baixo o paraugas da sustentabilidade”.
En relación ás infraestruturas, o director de Tecnópole sinalou que é un eido de actuación onde “hai moito por facer, non só no referente aos equipamentos de servizos comúns, senón tamén de elementos propios para o desenvolvemento da agroindustria. Aínda que o concepto de industrialización do campo poida soar un pouco agresivo, débense profesionalizar os servizos”, sinalou, poñendo o foco na “asimetría que existe nos servizos básicos como a sanidade, a cultura ou a educación no rural con respecto ás cidades”. E engadiu: “Imponse superar esta fenda aínda que non sexa rendíbel e haberá que facelo en boa medida con fondos públicos”.
A importancia dos nómades dixitais
No transcurso da mesa redonda, o director de Tecnópole incidiu no feito de que “hai unha volta xeneralizada ao rural. Coa COVID e a irrupción do teletraballo, existe unha gran cantidade de profesionais europeos que están migrando a España. Galicia debe establecer unha estratexia para estes nómades dixitais. Buscan un ambiente agradable de traballo, próximo á natureza e con boa calidade de servizos. Temos que tratar de atraelos porque é positivo non só para dar vida ao rural senón tamén porque se trata de profesionais altamente cualificados”.

PUBLICIDADE