O director de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez, premiado polo CPEIG

martes, 11 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) desvelou este 11 de xuño a quen vai dirixido este 2019 o premio Traxectoria Profesional que concede cada ano a entidade e que se entrega no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (cuxa edición número 11 celébrase este día 28 no Hotel Monumento San Francisco de Santiago). Desta volta, o premio Traxectoria Profesional irá dar a mans do director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sensoriais da axencia autonómica AMTEGA, Carlos Vázquez Mariño.
Como dixemos, o galardón entregarase na dita Noite da Informática, xunto con outros nove recoñecementos máis, todos eles co nexo común de distinguir as iniciativas ou persoas destacadas no eido da Enxeñaría en Informática.
Coa concesión do premio a Carlos Vázquez Mariño, o CPEIG quere poñer de manifesto “a relevancia da profesión informática nos máis altos niveis de decisión” e a figura das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática como “responsábeis da seguridade tecnolóxica nas distintas administracións públicas, empresas e outras entidades”.
O homenaxeado
Carlos Vázquez Mariño (Lugo, 1975) é licenciado con Grao en Informática pola Universidade da Coruña (UDC), con cualificación de sobresaínte na súa tesina de licenciatura. Iniciou a súa andaina profesional no sector privado en 1998, onde centrou a súa actividade no desenvolvemento de proxectos web, entre os que destaca o inicio da banca electrónica dunha importante entidade financeira. En 2001 accedeu ao corpo de profesores de Ensinanza Secundaria na especialidade de Informática, e desde ese ano até 2009 impartiu docencia en ciclos de Formación Profesional da familia da informática en centros de Lugo, Monterroso e Ferrol.
Desde 2009, centrou o seu labor na dirección e xestión, primeiro como subdirector xeral de Sistemas de Información da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria entre 2009 e 2012, e desde 2012 como director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Como director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Carlos Vázquez Mariño é un dos responsábeis dos proxectos de transformación tecnolóxica nos ámbitos de educación, servizos sociais, emprego, medio ambiente, transporte, infraestrutura e vivenda, agrogandeiro, forestal e do mar. Nestes ámbitos liderou proxectos de transformación como o Proxecto Abalar en educación, o Plan Trabe e a Historia Social Única Electrónica en servizos sociais, o Plan e-Mobility en transporte, e o Programa Primare nos sectores primarios, ou proxectos de Compra Pública de Innovación, como o de Inspeccións Intelixentes Avanzadas no ámbito de control da PAC.
Fóra do ámbito profesional, Carlos Vázquez Mariño é Cargo Oficial Nacional coas titulacións de director de competición, comisario deportivo, comisario técnico e cronometrador do Comité Técnico de Cargos Oficiais da Real Federación Motociclista Española.

PUBLICIDADE