O director executivo de GitHub anuncia a súa marcha
luns, 11 de agosto do 2025
Thomas Dohmke, actual director executivo de GitHub, anunciou que deixará o cargo a finais de 2025 para volver ao mundo do emprendemento. O executivo alemán, que se trasladou aos Estados Unidos hai máis dunha década tras vender a súa startup a Microsoft, asegura que a plataforma «nunca estivo tan forte» e que marcha con «orgullo polo traballo realizado» e polas súas «raÃces emprendedoras» que lle reclaman un novo proxecto.
Durante o seu mandato, GitHub consolidouse como referente mundial no desenvolvemento colaborativo de software, superando os 1.000 millóns de repositorios e os 150 millóns de desenvolvedores rexistrados.
Nos últimos anos, impulsou especialmente as iniciativas baseadas en intelixencia artificial, destacando a evolución de GitHub Copilot desde unha ferramenta de autocompletado ata un asistente de programación conversacional capaz de crear aplicacións completas. Segundo Dohmke, Copilot xa conta con máis de 20 millóns de usuarios e converteuse no «maior cambio no desenvolvemento de software desde a chegada do computador persoal».
O directivo tamén subliñou avances como a expansión de GitHub á UE e Australia, a certificación FedRAMP nos Estados Unidos, a mellora da accesibilidade e dispoñibilidade do servizo, o crecemento de GitHub Actions ata 3.000 millóns de minutos de uso ao mes e a implementación de GitHub Advanced Security, que reduciu nun 60 % o tempo medio de resolución de vulnerabilidades.
GitHub continuará baixo o paraugas de Microsoft, integrado na nova división CoreAI, presentada a primeiros de ano.
