O director xeral de Axel Springer avoga pola normalización da IA no xornalismo

venres, 18 de xullo do 2025 Redacción

O uso da intelixencia artificial como ferramenta de traballo xa non é unha opción, senón unha esixencia en Axel Springer, a editora propietaria de medios como Politico e Business Insider, se atendemos ás palabras do seu máximo responsable, Mathias Döpfner, durante unha reunión xeral retransmitida desde Berlín e filtrada por Status.
«O que está a acontecer coa tecnoloxía é o maior cambio da civilización moderna», afirmou Döpfner, segundo a transcrición de Oliver Darcy (Status), quen tivo acceso ao vídeo non listado da intervención.
Durante preto dunha hora, o máximo responsable de Axel Springer insistiu en que todos os empregados, sen excepción, deben incorporar a IA nas súas tarefas cotiás, sexa para elaborar presentacións, resumir documentos ou mesmo na redacción de contidos. «Ninguén ten que xustificar que emprega IA. O que si terá que explicar é por que non a usou, porque iso non debería pasar», advertiu.
Aínda que non detallou unha política concreta, Döpfner si deixou entrever a aplicación da IA en áreas editoriais, sempre que se manteña a calidade, veracidade e credibilidade da información. «Os erros van acontecer, é inevitable. Pero se cometemos un, temos que pedir desculpas», recoñeceu. Subliñou tamén que a responsabilidade de detectar fallos da IA, como as chamadas alucinacións, recae exclusivamente nos usuarios: «Tes que verificar dúas ou tres veces que o que escribiches é certo. Se cometes un erro coa IA, é coma se o cometeses ti só».
No que respecta á transparencia sobre o uso da IA nos contidos, o CEO rexeitou que sexa necesario indicalo nos artigos: «Nunca poñeremos que un artigo se fixo coa axuda da IA, igual que non dicimos que se fixo con Google. Sempre empregamos todas as fontes de información, e cada vez máis serán intelixentes».
Döpfner tamén compartiu a súa experiencia persoal: despois de asistir á conferencia de Sun Valley, gravou un audio coas súas impresións, pasouno por ChatGPT e xerou un resumo para os seus directivos. «Foi o documento máis perfecto que enviei nunca», asegurou, engadindo que xa utiliza a IA para todo, desde a análise ata a redacción de artigos de opinión.
O executivo advertiu tamén das consecuencias que xa se están a notar no sector: Axel Springer experimentou unha forte caída no tráfico directo ás súas cabeceiras despois de que Google comezase a ofrecer resumos de novas xerados por IA.