O director xeral do CDTI visita o CETIM
luns, 14 de xullo do 2025
Na mañá deste 14 de xullo a sede do CETIM Technological Centre recibiu nas súas instalacións de Culleredo (A Coruña) a visita de José Moisés Martín Carretero, director xeral do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación (CDTI), quen tivo ocasión de coñecer de primeira man as principais investigacións que están a levar a cabo no centro tecnolóxico galego.
Na visita, o director xeral do CDTI tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades científico-técnicas do centro e os seus 10 laboratorios –Química, Bioprocesos, Augas, Microbiología, Analítica, Baterías, Construción Sostible, Polímeros, Industria Dixital e Cámaras Climáticas–, onde desenvolven as súas principais actividades de I+D ao redor da economía circular. Entre elas destacan o desenvolvemento de materiais avanzados lignocelulósicos, tecnoloxías e procesos biolóxicos e biotecnolóxicos para a extracción de materias primas críticas e a produción de gases renovables, procesos avanzados de tratamento de augas e recuperación de recursos, tecnoloxías de remediación ambiental, materiais poliméricos sostibles e a súa reciclaxe, materiais de almacenamento enerxético, construción sostible, así como solucións de rastrexabilidade, xemelgos virtuais e Intelixencia Artificial, entre outras.
Por parte de CETIM, Toni Pons, director xeral, puxo de relevo a “excelente colaboración que vimos mantendo durante estes anos entre ambas as entidades, destacando os máis de 90 proxectos de I+D financiados por programas CDTI nos que participa o noso centro e nos que formaron parte máis de 250 empresas”.
O CETIM acolleu tamén, no marco desta visita, unha sesión con 16 empresas punteiras de sectores estratéxicos (ENCE, FINSA, FerroGlobe, Hijos de Rivera, Técnicas Reunidas Valtalia, Navantia, Grupo Copo, Grupo Rodiñas, Intacta, Aqualia, EMALCSA, HI Iberia, Norvento, Aira e JEALSA), que expuxeron os principais desafíos aos que se enfrontan e as súas necesidades de investigación a Martín Carretero. Este, á súa vez, achegou a estratexia de I+D do CDTI, impulsando así sinerxías colaborativas entre sector público e privado.
José Moisés Martín Carretero destacou sobre a súa visita ao CETIM os “proxectos de alto nivel tecnolóxico, con capacidade de transformación do tecido produtivo e con capacidade de xerar novas oportunidades de emprego e de industrialización para o noso país”.
O CETIM, como lembraremos, é un centro tecnolóxico privado, recoñecido polo Ministerio de Ciencia e Innovación, orientado a ofrecer servizos e a satisfacer as necesidades tecnolóxicas dos seus clientes e colaboradores, fomentando a innovación e a mellora da competitividade empresarial. Está especializado en aplicación de novas tecnoloxías, ofrecendo o seu coñecemento e servizos de maneira ransversal a todos os sectores para achegar valor engadido.
As súas tres principais áreas de investigación son: ECO BIO Tecnoloxías, Materiais Avanzados e Industria Dixital.
Actualmente, CETIM desenvolve máis de 80 proxectos de I+D, con máis de 280 clientes e colaboradores a nivel nacional e internacional. Estes proxectos supoñen unha mobilización en Investigación e Desenvolvemento de máis de 200 millóns de euros.
