O dispositivo galego anti-incendios fortalécese con Big Data, drons e tecnoloxía IoT

martes, 20 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Axentes forestais galegos recibindo formación sobre os usos e posibilidades dos drons/ Imaxe da CRTVG

A vaga de lumes forestais é unha ameaza que pende cada ano sobre nós, sendo cada ano, coas alteracións do cambio climático, máis doado que se desencadee en calquera recanto. Abonda con que se alíen catro ou cinco factores fatídicos (tempo seco, vento forte que avive as lapas, montes descoidados ou inzados de especies pirófitas e criminais do lume) para que o lume avance sen freo nas nosas comarcas. Este ano, con todo, semella que se puxo un especial interese en dotar das tecnoloxías máis avanzadas a loita contra os incendios, poñendo o foco na localización temperá e nas vantaxes de actuar o máis rápido posíbel. O abano de recursos postos en xogo é amplo: Big Data (análise de información a gran escala), drons ou tecnoloxías de seguimento que permiten ver en tempo real boa parte da nosa xeografía. O factor humano vén dado polas 7.000 persoas que integran o operativo.
Segundo se destaca en medios especializados como en Campo Galego, a gran novidade da campaña impulsada pola Xunta este ano reside nas melloras e reforzamentos tecnolóxicos. Un dos grandes protagonistas, neste senso, son os drons. Estes aparellos aéreos non tripulados empregaranse sobre todo para labores de seguimento e localización de lumes, e como elementos de apoio na extinción e na procura das orixes dos incendios. Para facilitar estes traballos carrexarán cámaras de vídeo (para tarefas de control convencional) e cámaras térmicas (para traballar en condicións nocturnas, sobre todo). Os drons tamén exercerán de garantidores do regulamento no que a xestión dos montes se refire, máis polo miúdo da biomasa, rastrexando aquelas contornas nas que non se cumpra o réxime de protección de aldeas.
O traballo dos vehículos aéreos non tripulados compleméntase coa posta en marcha dun plan piloto para xerar avisos temperáns de posíbeis incendios, mesmo antes de que estes se xeren. Neste senso, trátase dunha iniciativa que xera información actualizada de continuo sobre áreas de especial risco e que ten a capacidade de detectar se os factores decisivos dos que falamos ao comezo (condicións do vento, temperatura, sequidade do monte, pluviometríca etc) están presentes como para alentar a aparición do lume. Ao abeiro desta iniciativa póñense dúas tecnoloxías clave: a tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) e a tecnoloxía de Big Data. En termos máis concretos, trátase de equipar a Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais de Galicia de elementos conectados entre si e cun mínimo de tres centros de telecomunicacións da Rede para avaliar de continuo a información dunha contorna en risco potencial. Segundo informa o Goberno galego, a análise exhaustiva e eficaz dos datos posibilitará ter patróns de comportamento, pautas definidas dentro do caos aparente que é a vaga de lumes anual da nosa terra que permitan optimizar a predición e a resposta.

PUBLICIDADE