O documental sobre a marea verde dos nosos montes busca apoios na Rede

xoves, 15 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Se cadra os máis importantes recursos e axudas para salvar o noso medio ambiente estean tan preto que ás veces nin os vemos. Por exemplo trala pantalla do computador, nas redes, onde “fan vida” acotío millóns de activistas dispostos a pechar fileiras arredor dunha causa. Así o entende o impulsor de Agora Axuda, o documental sobre os plans de reforestación con especies autóctonas que se están a desenvolver na nosa terra. O proxecto, que vén da man de Juan Carlos Gargiulo, está envorcando esforzos na Internet cunha campaña de micromecenado en Verkamí. O obxectivo é obter financiamento. A campaña ficará aberta na plataforma de crowdfunding até o 27 de marzo. Neste intre, a iniciativa conta con mais de 70 micromecenas.
Gargiulo, cuxas dúas últimas obras estiveron presentes na Mostra de Cine Europeo de Segovia (MUCES), é un director activista de orixe arxentina e de nai galega. Segundo fai saber, os seus vencellos con Galicia son moi fortes, e pasa longas tempadas na súa terra de orixe. No outubro pasado viviu “con angustia” as novas dos incendios pero o ler en novembro unha nova sobre o éxito desbordante dunha convocatoria local solicitando voluntarios para os traballos de recuperación da terra, quixo sumarse á “marea verde” e contribuír fotografando e documentando con cámara de vídeo o desenvolvemento da iniciativa ambiental.
A intención do director é render unha homenaxe ás persoas que loitan pola biodiversidade a través da cooperación colectiva a prol do ben común. Para quen queira saber máis do seu traballo, mantén na Rede un blog (Fotosemanal) onde dá conta dos seus proxectos e das causas ás que contribúe coas súas cámaras.

PUBLICIDADE