O domingo lanzaranse os primeiros satélites da rede Starlink

venres, 16 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A vindeira fin de semana dende a Base da Forza Aérea en Vandenberg (California) a compañía de Elon Musk, SpaceX, vai lanzar o satélite español Paz, destinado a cubrir necesidades de seguridade e defensa, así como outras de carácter civil podendo tomar máis dun cento de imaxes diarias cubrindo máis de 300.000 quilómetros cadrados ao día e preparado para dar 15 voltas diarias ao planeta.
Pero este lanzamento está a ser especialmente rechamante porque SpaceX vai aproveitalo para por en órbita un par de satélites (Microsat-2a e Microsat-2b) de proba para o futuro servizo Starlink, que no futuro quere achegar accesos á Internet de alta velocidade a través dun par de constelacións de satélites de banda larga (formada inicialmente por 4.425 satélites, co obxectivo posto en preto de 12.000).
Non está previsto que Starlink opere até a década que vén e, de feito, polo momento non ten as autorizacións pertinentes para facelo, polo que non deixa de ser un experimento que confían en que na súa fase comercial poida contribuír, entre outras cousas, a financiar a futura colonización de Marte.

ACTUALIZACIÓN 18-2-2018): O lanzamento adiouse, cando menos, até o vindeiro mércores.

PUBLICIDADE