O dominio .gal publica o seu calendario de lanzamento

venres, 16 de maio do 2014 Marcus Fernández

Tras oito anos de traballo, a Asociación PuntoGal conseguiu a súa meta, que poidamos ter un dominio na Internet para a lingua e a cultura galegas, de xeito que a nosa sociedade goce dun espazo de seu na Rede claramente identificado e, tras a activación técnica do dominio .gal o pasado 11 de abril, aproveitouse a data do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (tamén coñecido como Día de Internet) para presentar a primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, na que se dá conta dos prazos de lanzamento e as condicións para poder acceder ao novos dominios.

No acto celebrado para amosar ao galegos este grande fito no ámbito TIC contouse coa presenza de numerosos persoeiros de distintos eidos da nosa sociedade, que puideron escoitar as palabras de Manuel González, presidente da Asociación, quen narrou toda esta aventura ata detallar o que está por vir; mentres que o catedrático de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Gómez Segade, tivo a ben erguerse como representante dos galegos para agradecer esta consecución a todos os que o fixeron posible; para que, finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, procedese á posta en marcha da páxina web accesible dende dominio.gal, que con carácter informativo pretende servir de referente do noso dominio de primeiro nivel na Internet.

Programa Pioneiros

Os primeiros dominios de Internet que botarán a andar máis aló dos que empregue a Asociación PuntoGal serán os coñecidos como Nomes Pioneiros .gal, que corresponderán a asociacións, entidades públicas e empresas que poderán solicitar a súa incorporación no Programa durante o mes de xuño, de xeito que serían as únicas en poder gozar dun dominio .gal durante uns catro meses. A Asociación decidirá os dominios que se activarán nesta fase de pre-lanzamento, pois está limitada a 90, de aí que se adoptarán criterios de visibilidade para a súa aceptación, buscando que estes espazos na Rede contribúan a dar difusión so novo dominio na Rede.

Fase de Lanzamento

Entre setembro e novembro aceptaranse candidaturas para facerse cun dominio .gal en función do dereito preferente que poidan ter empresas e institucións para poder protexer as súas marcas, no que se coñece como Abrente ou Sunrise. Paralelamente será posible que compañías que queiran solicitar un dominio que non se axuste exactamente ás súas marcas poida solicitar o seu rexistro, aínda que desta volta, en caso varios candidatos para un mesmo dominio, en vez de empregar unhas prioridades definidas para resolver o conflito, recorrerase a unha poxa.

Fase Aberta

No mes de decembro será cando os dominios da Fase de Lanzamento pasen a activarse, e tamén se abrirá ao público o rexistro xeral de dominios co sufixo .gal coa orde de chegada das solicitudes como único criterio.

De todos os xeitos, os dominios que pasen a funcionar baixo o .gal deberán cumprir unha serie de condicións, como ter contidos en galego ou, en caso contrario, relativos á cultura galega ou a servizo en liña dirixidos á nosa comunidade. A Asociación PuntoGal velará por que se cumpra esta condición, de xeito que os rexistros que non respecten as normas establecidas, previo apercibimento, poderán suspenderse. Búscase así consolidar un espazo galego na Internet, que sexa unha fiestra do mundo a Galicia, e unha canle moi axeitada para que entidades tanto galegas como de fóra poidan achegarse á nosa sociedade especificamente.

Un proxecto sen arela de lucro nacido da sociedade

O presidente da Asociación, Manuel González, salientou na súa presentación que o novo identificador fará máis visibles as páxinas web en galego, pois “o .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega. Os grandes buscadores de Internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz de como o facían ata agora”.

Camilo Regueiro e Manuel González, vicepresidente e presidente da Asociación PuntoGal, comprobando o funcionamento da páxina web activada hoxe

Tamén incidiu no feito de que “este dominio vai xerar beneficio económico para Galicia. Unha parte importante da recadación polo uso de cada dominio .gal quedará en Galicia, en vez de migrar ao exterior. Todos os beneficios que xere a súa xestión serán dedicados ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías. A utilización do .gal vai ser un elemento de visibilidade para os produtores, empresarios e comerciantes de produtos en que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade, e facilitará a súa implantación e expansión no mercado. Os nosos viños, o peixe e marisco das nosas rías, a nosa moda, a nosa natureza, o turismo, etc. beneficiaranse co .gal”.

Xosé Antonio Gómez Segade, tras explicar algúns detalles sobre os nomes de dominio, salientou que “o dominio .gal é o barco polo que a lingua e a cultura galegas van navegar polo ciberespazo”.

Feijoo definiu o dominio .gal como “o mellor salvoconduto para que Galicia atravese fronteiras”

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, non só destacou as vantaxes económicas de que teñamos un dominio de Internet galego, senón que definiu o dominio .gal como “o mellor salvoconduto para que Galicia atravese fronteiras”, chegando a asegurar que grazas a fitos coma este “no cemiterio dos pobos e das culturas non está Galicia”. Non faltaron palabras do presidente para agradecer a todos os que contribuíron a que o dominio .gal fose unha realidade, incluíndo a anteriores Gobernos autonómicos, asegurando que hai o consenso suficiente co .gal como par que tanto as Administracións actuais como futuras apoien esta iniciativa. Concluíu declarando que “co acendido da primeira páxina con apelido galego, con dominio .gal, izamos a bandeira de Galicia na rede e demostramos que o pobo galego sempre está disposto a sumar cando se trata de abrirnos e de abrirnos ao futuro”.

O acto de presentación tivo lugar no Edificio CINC na Cidade da Cultura
O acto contou con presenza de representantes de moitos ámbitos da sociedade galega
Parte da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal xunto ao presidente da Xunta e a presidenta do Parlamento Galego


Reportaxe sobre o acto de hoxe emitida pola Televisión de Galicia

PUBLICIDADE