O doutor Mario colga a bata

mércores, 28 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Hai un par de anos chegou ás tendas de aplicacións móbiles o xogo Dr. Mario World, un entretido título que quebracabezas no máis puro estilo do Candy Crush Saga que aproveita a imaxe do célebre Mario de Nintendo para conectar mellor co usuario. O feito de que Dr. Mario pasase de ser un xogo para consolas portátiles a un título free-to-play respondía a unha estratexia de Nintendo de exploración do mercado móbil, que non está a conseguir os resultados esperados, como confirmaría o anuncio de que Dr. Mario World deixará de funcionar o vindeiro 1 de novembro, interrompéndose a compra de diamantes no xogo hoxe mesmo.
Nintendo xa depositara moita confianza en Super Mario Run, xa que trasladaba a móbiles unha das súas sagas máis fortes, pero o retorno económico deste título foi moi inferior ao dun xogo para consola, o que está a provocar cambios estratéxicos por parte da compañía nipoa, que ve como en móbiles hai outras marcas como Fire Emblem Heroes que teñen unha mellor aceptación.
Dr. Mario World era claramente o xogo de Nintendo que menos ingresos xeraba, polo que o seu adeus era inevitable, e agora queda por ver se continuarán a apostar polo móbil con marcas consolidadas en consola en vista do ben que está a funcionar a Nintendo Switch. Parece bastante probable que Nintendo centre os seus esforzos no seu negocio tradicional tras comprobar en primeira persoa que a previsión da morte das consolas de videoxogos era precipitada e os móbiles un negocio paralelo que aínda deixa espazo para as consolas portátiles.

PUBLICIDADE