O emprendemento, o deseño e a visualización web centran os nosos obradoiros de SmartPeme+

luns, 29 de setembro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana de remate de setembro e comezo de outubro catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (e con inscrición previa), celebraranse do luns 29 de setembro ao mércores 1 de outubro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o emprendemento, a nova normativa de Número Único de Rexistro de Aluguer ou o deseño e a visualización web, entre outros.
O luns 29 de setembro celebrarase o obradoiro Emprende en 60 minutos: do concepto ao primeiro paso, a partir das 12.00 horas organizado pola oficina de Lalín. A través desta actividade formativa, as persoas participantes traballarán a definición do cliente e da proposta de valor “ata crear un caso de negocio con finanzas básicas e un sistema de validación sinxelo” e “todo cunha mentalidade emprendedora que inspirará a dar o primeiro paso sen perder tempo”. A sesión será impartida por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación, asesora e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en emprego e emprendemento, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
O martes 30 de setembro ás 11.30 horas celebrarase o obradoiro Que é o número de rexistro único e por que o meu aloxamento o necesita? coordinado pola oficina de Cambados. Esta sesión abordará a nova normativa sobre o Número Único de Rexistro de Aluguer (NRUA), que xa está en vigor e afecta directamente aos propietarios e administradores de inmóbeis. Na cita, ensinarase dun xeito sinxelo como obtelo e as actualizacións legais máis importantes para evitar posibles sancións, e será impartida por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións pódense realizar no formulario xa accesible.
Tamén o martes ás 17:00 horas a oficina de Vigo organiza o obradoiro Crea unha páxina profesional con WordPress II. As persoas participantes aprenderán os pasos para crear un sitio web profesional e optimizado para buscadores, afondando no seu deseño, desenvolvemento e xestión con este xestor de contidos. María Aller, licenciada en Publicidade e Relación Públicas con máis de 3 anos de experiencia en mercadotecnia dixital e comercio en liña, será a encargada de impartir a sesión, e as inscricións pódense realizar no formulari habilitado.
Por último, o mércores 1 de outubro tamén ás 12:00 horas a oficina do Ponteareas desenvolverá o obradoiro Fai que te atopen I. SEO na web. Guillermo Nass, técnico superior universitario en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en mercadotecnia dixital, explicará dun xeito práctico que é a optimización para motores de busca (SEO), como funciona e como aplicalo a un sitio web para mellorar a súa visibilidade en Google. As persoas interesadas poden inscribirse xa no formulario habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.