O empresariado de Boiro (ABE) pecha a maior campaña dixital da súa historia

xoves, 4 de decembro do 2025 S. P.

A Asociación Boirense de Empresas vén facer balance dunha das súas iniciativas de dinamización empresarial e social máis ambiciosas e e pioneiras de cantas ten organizado a patronal: unha campaña integral de promoción dos negocios de Boiro nas redes sociais Facebook e Instagram desenvolvida entre o 25 de marzo e o 31 de outubro e na que participaron 112 empresas asociadas e foron elaborados máis de 50 vídeos personalizados.
A ABE lembrou que estamos ante “unha acción inédita no noso entorno”, xa que “ningunha outra asociación empresarial comarcal ou municipal levou a cabo un proxecto de tal envergadura, tanto pola magnitude dos contidos como polo impacto acadado”.
A súa execución supuxo un enorme esforzo organizativo e creativo, “mais os resultados son cualificados como espectaculares”, explicou a ABE, que durante estes meses mantivo unha presenza diaria e coordinada nas redes sociais, combinando publicacións, historias e, sobre todo reels, xerando 1,62 millóns de impresións e garantindo unha visibilidade sostida e continuada das empresas participantes.
Os reels publicados foron o motor principal da notoriedade:
-Facebook acadou 606.000 impresións, máis de 20.400 interaccións e 17.830 clics cara a contidos das empresas.
-Instagram sumou máis de 1 millón de visualizacións, con varios vídeos superando os 20.000 alcances.
-Amais, os mellores reels chegaron a 44.000 reproducións en Facebook e 35.000 en Instagram.
Un proxecto que deixa pegada: crecemento das redes e máis impacto futuro
A campaña, ademais de promocionar a máis de 100 negocios locais do concello de Boiro, impulsou o crecemento das redes sociais da ABE, que agora suman máis de 6.280 seguidores entre Facebook e Instagram, cun incremento neto de +596 e +567 respectivamente.
Ademais, máis do 40% dos seguidores rexistrados son de Boiro, “o que consolida unha comunidade local forte e moi activa”, valorou a patronal, salientando que “este incremento non é só unha cifra: significa que, a partir de agora, as actividades, campañas e mensaxes da ABE chegarán a moita máis xente, multiplicando o impacto das accións que se desenvolvan de aquí en diante”.
O proxecto deixa ademais un dobre éxito: por unha banda unha visibilidade directa para 112 empresas asociadas, que deron rostro, voz e identidade ao comercio e servizos de Boiro; e pola oura un claro fortalecemento das plataformas dixitais da ABE, “converténdoas nunha ferramenta estratéxica de comunicación, promoción e dinamización local”.
Un proxecto realizado por talento local
A campaña foi executada pola cooperativa Kracia, empresa local asociada á ABE que asumiu a produción, planificación e difusión de todo o contido dixital. A ABE agradeceu a participación e colaboración de todas as empresas implicadas e anunciou que continuará “apostando por accións innovadoras que reforcen o comercio e o tecido empresarial do municipio”.